Chegaron ao seu fin os obradoiros de modelos ecosociais que tivemos a sorte de poder levar a dez centros educativos diferentes, repartidos entre as catro provincias do territorio galego.
Os tres últimos tiveron lugar este mes de marzo, no IES Plurilingüe de Ames, no IES García Barbón de Verín e máis no IES A Pinguela, en Monforte de Lemos.
Primeiramente, o 6 de marzo tivo lugar o segundo dos obradoiros “A evolución das formas no tempo: detectives na rúa”, impartido polo Colectivo Re.Creo. Un grupo de 2º de Bacharelato de Ames puido facer, grazas ao traballo previo de Marta Somoza e Luis Aragonés, esa lectura activa da súa contorna que lles permitiu recoñecer as pegadas do pasado do noso territorio, achegándose por medio da cartografía e a fotografía aos estratos recoñecibles do patrimonio.
Por outro lado, un grupo de 1º de Bacharelato do IES García Barbón de Verín e outros dous grupos de 1º da ESO do IES A Pinguela, en Monforte, desenvolveron o obradoiro Corpo-territorio da man de Branca Albán, da cooperativa Outonía. Este obradoiro consistiu en achegar ao alumnado unha serie de reflexións que o sitúan na vivencia do territorio rural partindo do corpo propio, da experiencia individual á experiencia colectiva. Adaptando en cada caso o obradoiro ao interés e características do curso, centro e área xeográfica, Branca soubo achegalos ao coñecemento do territorio propio e da contorna que habitan, reflexionando sobre o binarismo dos ámbitos rurais e urbanos e sobre como lles afectan algunhas cuestións coma a desarticulación do rural ou os desastres ecolóxicos ás adolescencias que o habitan ou o coñecen.
Foron, en total, dez obradoiros de modelos ecosociais os que se puideron desenvolver este curso escolar nos centros educativos participantes no proxecto Dereito ao Hábitat Rural. Foron, todos eles, experiencias interesantísimas nas que o alumnado, desde o máis cativo ata o xa adulto da FP, puido achegarse á reflexión sobre o hábitat rural que habita. Grazas ao traballo de deseño conxunto co equipo de ASF, ao traballo de preparación dos obradoiros e ao desenvolvemento nos diferentes centros por parte das diferentes persoas e colectivos especialistas na materia, estas propostas adquiriron un alto nivel de pertinencia e resultaron de moito interese tanto para o alumnado coma para o profesorado responsable, que puido extraer contidos para continuar a traballar con eles nas aulas.
Grazas, por suposto, a todo o profesorado e os centros participantes, pero especialmente ao Colectivo Re.Creo, a Miudiño S. Coop. Galega,a Feitoría Verde S. Coop. Galega, á arquitecta Natalia Campos Ferro e a Outonía S. Coop. Galega pola súa dispoñibilidade para fortalecer este proxecto, e pola flexibilidade para a coorganización de todos os obradoiros.



Deixa unha resposta