Bos días ou boas tardes a todos! Depende de desde onde nos esteades a ler.
A semana pasada xuntóusenos tanto traballo que non tivemos tempo para poder subir unha entrada en condicións, así que temos ración dobre para esta semana!
Como xa vos contaramos, estivemos traballando en Xela hai dúas semanas, aproveitando o clima fresco, pero antes de voltar a Reu de novo, fixemos unha visita a unha empresa de fabricación artesanal de baldosas hidráulicas para elixir e encargar que as imos empregar tanto para o chan coma o zócalo da próxima escola de El Manchón. Con elas, realizarase un mosaico que se desenvolverá por diferentes paramentos da escola, dándolles aos nenos e nenas un ambiente máis agradable no que será o seu centro educativo. Tras facer as probas necesarias, decidimos a cor e máis o tipo de pezas que se van empregar. Ademais, decidimos deixar unhas pezas dos mosaicos para que os nenos e nenas poidan darlles o seu toque persoal e deixar a súa pegada na escola.
Así como estivemos de volta en Reu reunímonos cun novo visitante, Juan Herrero, de PROYDE (Promoción y Desarrollo), unha ONGd centralizada en Madrid coa que traballamos no proxecto de educación. Desde esta organización traballan con PRODESSA (Proyecto de Desarrollo Santiago) coma contraparte guatemalteca e achegan os fondos de procedencia europea para poder desenvolver diferentes proxectos. Neste caso, Juan veu visitar os proxectos desenvolvidos pola súa contraparte, a cal realiza un incrible traballo con formacións a docentes e elaborando os contidos e estratexias que o profesorado emprega no seu día a día para darlles aos nenos e nenas unha educación de mellor calidade, tendo unha rama moi forte en alfabetización e programas de lectoescritura. Así, acompañamos a Juan e a unha pequena representación de PRODESSA nunha serie de visitas aos centros educativos, entre os cales hai varios construídos por Arquitectura Sen Fronteiras. Puidemos ver na práctica o gran traballo que se está a desenvolver coa implementación de diversas metodoloxías pedagóxicas, así coma co apoio dos libros e demais material didáctico elaborado pola organización guatemalteca.
Paralelamente ás visitas de centros educativos seguimos traballando no mosaico de El Manchón para poder encargarlle ao artesán as pezas definitivas. Non foi doado decantarse por unha combinación de cores, mais despois de moitas voltas, estamos seguras de que chegamos á mellor decisión. Xa a veredes!
Nesta semana tamén puidemos avanzar nos traballos que se están a desenvolver sobre Vivenda e Escola Saudable, unha parte dos proxectos de habitabilidade e educación, respectivamente, no cal estamos a investigar que enfermidades se poden adquirir desde estes dous ámbitos e que solucións técnicas e de hábitos de uso sería preciso implementar na construción, uso e mantemento dos edificios.
Á semana seguinte tivemos a segunda visita por parte do equipo de AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios). Os compañeiros chegados de Santiago de Compostela están a realizar durante estas dúas semanas un traballo intensivo de rodaxe de toda a actividade que se está a desenvolver aquí para poder ter, a finais de mes, un documental que reflexe o proxecto de educación promovido conxuntamente por ASF, ASIAPRODI, PROYDE e PRODESSA. Por un lado, puideron gravar diferentes reunións que tiveron lugar nas comunidades. Entre elas, a presentación do proxecto da escola á comunidade de El Manchón e a celebración da “primeira pedra”, onde cada asociación involucrada plantou unha palma de coco na parcela en sinal do inicio inminente da obra. Por outra banda, estiveron a gravar tamén o comezo do proceso participativo cos nenos e nenas de El Manchón.
Este proceso participativo plantexámolo baseándonos na metodoloxía Oasis e consta de certas fases: Coñecerse – Explorar – Imaxinar – Deseñar – Construír – Celebrar. Aprendendo de experiencias similares que nos anos pasados desenvolveron outras compañeiras PCR e do traballo desenvolvido desde o grupo de Educación para o Desenvolvemento de ASF Galicia, puidemos afondar na metodoloxía e plantexar novos enfoques e actividades. Deste xeito, agardamos achegarnos aos principais obxectivos desta proposta, entre os cales está que os nenos e nenas se apropien do que vai ser o seu espacio de recreo e poidan mantelo coidado no futuro, que sintan recoñecido o poder da súa labor na comunidade ou que desenvolvan certas capacidades creativas e espaciais que no traballo académico cotián non lles é posible a desenvolver. Así, estes dous primeiros días constaron das primeiras catro fases, deixando as dúas últimas para os seguintes dous días. Neste inicio, os nenos e nenas presentáron como son e as dinámicas que levan a cabo no seu día a día na comunidade e puidemos ver e puxeron en valor as súas habilidades e capacidades. Tras coñecer o proxecto da escola e a parcela na que se construirá, realizaron unha maqueta das súas ideas e soños para o espacio de recreo e fixeron unha pequena posta en común na que decidiron cales eran os proxectos que realmente poderían realizar cos recursos da zona, co apoio das mestras, pais, nais e outros membros da comunidade.
Pola nosa parte, debemos sinalar que, a pesar do cansazo co que rematamos cada xornada, o enorme cariño que recibimos por parte destes nenos e nenas, xunto coa súa boa disposición para traballar en equipo e con nós, fixo que sempre voltaramos a casa moi satisfeitas. Estes nenos e nenas sorprendéronnos gratamente coa súa bondade, a súa enerxía e o seu compañerismo. Coidando sempre uns dos outros, déronnos unha moi boa resposta ao traballo que lles plantexamos. Tanto foi así que eles mesmos chegaron ao consenso de cales eran as súas necesidades. Organizáronse facilmente para achegar nas vindeiras xornadas o material preciso para a construción do seu espazo de xogo e prestáronse de boa gana a colaborar nas diferentes partes de todo o que propuxeron. Uns plantarán máis cocos na parcela, outros traerán flores para adornar a escola, outros propuxeron construír un columpio e, finalmente, outro grupo encargarase de construír un tobogán. Agardamos que todo vaia ben e poidan facer realidade, coas súas propias mans, este gran soño en común!
Por se aínda pensades que todo foi traballar, informámosvos de que a compañía do equipo AGARESO fíxonos ver a importancia de disfrutar das fins de semana. O domingo pasado visitamos as fermosas ruinas prehispánicas de Tak´alik Ab´aj e onte tivemos a sorte de subir até o mirador do volcán Santa María, desde o cal puidemos observar a actividade do volcán Santiaguito, en erupción.
Seguiremos contándovos o que ven acontecendo aquí en Retalhuleu!
Deixar unha resposta