Educación Para o Desenvolvemento
A Educación para o Desenvolvemento constitúe unha liña de traballo específica e tamén transversal na labor de transformación social que ASF desenvolve.
O traballo de Educación vense realizando dende os inicios de ASF en Galicia, aínda que de xeito máis estratéxico e sistemático dende o ano 2010, coa conformación dun grupo de traballo formado por voluntariado e o apoio de persoal técnico especializado.
A nosa actividade permítenos xenerar sinerxias con outras áreas de traballo da organización, principalmente as de cooperación internacional e cooperación local. Dende este grupo pretendemos completar e potenciar o traballo que veñen desenvolvendo partindo dos coñecementos e experiencias xeneradas, tanto nos contextos do Norte como do Sur, para facelas chegar a diversos públicos a través de proxectos, actividades e metodoloxías adaptadas a cada un.
O noso traballo ten como eixo troncal o Dereito ao Hábitat dende unha perspectiva integral, de dereitos e cun enfoque transdisciplinar. Este é un dereito cuxa garantía implica o cumprimento de moitos outros dereitos nas dimensións físicas, sociais, políticas e culturais que compoñen a vida das persoas e comunidades. Constitúe unha condición necesaria para vivir con dignidade e seguridade, para desenvolver libremente a propia personalidade e para participar libremente na vida comunitaria.
É polo tanto un piar central, unha raíz dende a que poder traballar de xeito integral moitos aspectos vencellados aos dereitos humanos. E tamén aqueles transversais relacionados coa loita contra a pobreza, o medioambiente, a interculturalidade, o xénero ou os xeitos de gobernanza e a participación social.
Dende este eixo realizamos:
- Formación específica sobre este tema a profesionais vencellados a xestión do hábitat dende diversas disciplinas
- Actividades de sensibilización e educación formal, non formal e informal a alumnado e profesorado universitario, de educación secundaria e primaria
- Actividades de sensibilización cara a cidadanía xeral
- Elaboración de materiais educativos e de sensibilización: vídeos, exposicións, publicacións, unidades didácticas, etc.
- Investigación e comunicación para o desenvolvemento e a transformación social.
Plan Estratéxico Educación 2020-2024
Todas estas iniciativas son claves para contribuír á formación dunha cidadanía global, máis consciente e crítica respecto das cuestións que ligan co dereito ao hábitat na súa realidade inmediata e noutras mais lonxanas, identificando situacións de violación de dereitos e implicándose na abordaxe e creación de alternativas.
Proxectos
Proxectos e actividades de Educación Para o Desenvolvemento
Recursos
Recursos educativos e publicacións para utilizar libremente e compartir
Formación
Seminarios, cursos, obradoiros e podcast desenvolvidos por ASF Galicia
Investigación
Proxectos de investigación