Nome do proxecto: Obradoiro Litoral. Obradoiro de análise crítica metropolitana
Lugar: A Coruña, Galicia
Data de execución: 2011
Demarcación responsable: Arquitectura Sen Fronteiras, Galicia
Contraparte: Hábitat Social
Documentos:
- Panel resumen
- Blog
- Vídeo
Obradoiro de análise crítica metropolitana
Organizado e coordinado por Hábitat Social
O obradoiro
A principal intención do obradoiro é amosar a nosa capacidade de incisión na realidade dende o diagnóstico crítico do territorio e o posicionamento profesional comprometido. As liñas de acción principais son dúas:
- Debullar as dinámicas e relacións que se producen nunha área concreta d’A Coruña metropolitana, describíndoa de maneira crítica e avaliando o papel dos diferentes actores e intereses que inflúen no devir do territorio.
- Investigar nos modos de ver e analizar o hábitat humano, con unha dobre intención: sistematizar o proceso a través dunha metodoloxía que poida estrapolarse a outras zonas, e experimentar novas formas de intervir no territorio con criterios de xustiza social e desenvolvemento comunitario.
O territorio
O borde litoral da Coruña é un espazo de forte significación para a cidade, que tradicionalmente ten amosado a súa capacidade de captar a atención da opinión pública e xerar controversia. A recente convocatoria dende o Concello dun concurso de ideas para a ordenación do paseo marítimo no ámbito da Enseada do Orzán volve a poñelo de actualidade.
A posibilidade de aportar e incidir neste debate, ofrece ó obradoiro a oportunidade de transcender o plano teórico acadando unha aplicación directa na realidade urbana, o que nos leva a propoñer o cambio da área de análise dende Elviña á Enseada do Orzán.
Aquí, atoparémonos cun espazo central da cidade, un espazo consolidado e representativo, que baixo un paseo marítimo homoxéneo e uniformizador agocha unha realidade complexa e diversa que intentaremos desvelar.
O procedemento
Afondaremos no uso dos diferentes tipos de fontes de información a disposición pública. Estamos a falar de fenómenos urbanos reais e contemporáneos (fora dos libros de historia), polo que haberá que empregar múltiples ferramentas: dixitais (hemerotecas, foros, redes sociais, etc.), convencionais (bibliografía especializada, lexislación, etc.) e in situ (traballo de campo, construción de narrativas do territorio a partir das voces dos habitantes, inclusión das subxectividades que aparezan durante o proceso de análise, etc.). O traballo realizarase de xeito colaborativo, mediante grupos de análise, debate e discusión.