Entrada Libre

Xornadas sobre accesibilidade

Entrada Libre - Xornadas sobre accesibilidade

Datas: 3 e 4 de maio de 2007
Lugar: ETSA Coruña
Financiación: ASF e a ETSAC
ContrapartesASPAYM (Asociación de Parapléxicos e grandes Minusválidos), COGAMi (Confedereación Galega de Minusválidos), FAXPEGA (Federación de asociacións de sordos do país galego), ONCE, Foro de Vida Independente e profesores da escola

Co obxetivo de que os alumnos da ETSAC interiorizasen o tema de accesibilidade e o tivesen en conta dende o principio do proceso de proxecto, organizáronse, con grande éxito, unhas xornadas nas que os participantes identifcaron na propia Escola as barreiras á accesibilidade para os colectivos con diversidade funcional (motora, visual e auditiva), facendoas visibles mediante multiples intervencións, e propoñendo e construindo solucións que exemplifiquen a transformación dun espazo en accesible.

As intervencións quedaron varios días instaladas na ETSAC, para que o resto dos usuarios da escola fora consciente das dificultades de accesibilidade e as súas posibles solucións.

O obxetivo foi que, durante dous días, a Escola se transformara nun laboratorio de solucións, exemplos, ideas, construccións, prototipos... arredor do tema da accesibilidade universal.

Memoria en PDF (2,3Mb)

Manifesto de Entrada Libre

Ao final, as peores barreiras están dentro da nosa cabeza...

Hoxe en día xa quedan poucas cousas inamovibles, as verdades universais cóntanse cos dedos dunha man, e todo depende cada vez máis do punto de vista, do enfoque ou do contexto. A aproximación unívoca e universal á realidade perdeu a razón de ser que puido ter, a favor dun relativismo asumido como esencial na vida moderna.

Cada un, coa súa idiosincrasia e as súas circunstancias, aproxímase ao mundo desde a súa trincheira, e relaciónase coa súa propia realidade a través das ferramentas que el mesmo foi construíndo.

A riqueza xorde no cruzamento, no encontro de realidades diferentes. Cando se comparte co outro, co diferente, a maneira propia de percibir a contorna. Cando o outro, o diferente, fainos partícipes da súa relación co mundo.

Asumamos un mundo pluridisciplinar, tan plural como cambiante, baseado no compromiso inquebrantable coa liberdade individual. Construamos unha realidade coa que cada un se poida relacionar a través da súa propia realidade interna, un mundo que permita o desenvolvemento de todos conforme ao seu propio modelo de desenvolvemento.

...ao final, as peores barreiras están dentro da nosa cabeza.

Debemos loitar por unha arquitectura, por unhas cidades, por unha sociedade nas que todos teñamos cabida, por unha contorna capaz de responder as formas de relacionarse con el de cada un de nós, coas nosas particularidades inherentes.

Unha arquitectura, unhas cidades, unha sociedade que non discriminen a ninguén, que inclúan a todos e a cada un en igualdade de condicións, garantindo por riba de todo o dereito á identidade individual.

Unha arquitectura e unhas cidades que se convirtan en garante dos dereitos humanos, fundamentais e civís da sociedade á que representan.

Unha arquitectura e unhas cidades, en definitiva, civilizadas.

...porque ao final, as peores barreiras están dentro da nosa cabeza.

Ficción Publicitaria

Xornadas de traballo