Primeiro encontro Interxeracional e Intercultural en Irixoa

Este xoves 20 de novembro celebramos na biblioteca municipal de Irixoa un encontro interxeracional e intercultural centrado no papel das mulleres no medio rural, no marco do proxecto Dereito ao Hábitat Rural. Nel reunimos a veciñas de Irixoa con lideresas comunitarias de Guatemala e El Salvador.

Foi unha xornada para poñer en valor os coñecementos e as vivencias das mulleres da contorna, tecendo pontes entre xeracións e culturas. Nesta xuntanza contamos coa participación de Juventina López, Ana Donis e Milagro Alvarado, lideresas comunitarias de Guatemala e El Salvador respectivamente, nun diálogo enriquecedor acompañado por Arquitectura Sen Fronteiras. Foi un espazo no que compartir saberes, experiencias e fortalezas, celebrando o papel fundamental das mulleres na construción das comunidades rurais.

A xornada organizouse como un espazo de diálogo entre as mulleres locais e as lideresas de Centroamérica, arredor dos seguintes eixes temáticos:

  • Identidade e pertenza: o ser muller rural
  • Servizos básicos e o desafío da migración
  • Ocupación do territorio e saberes tradicionais
  • Redes de coidado e resistencia
  • Futuro e relevo xeracional

Para concluír o encontro púxose o foco nas cuestións positivas, tanto da vida no rural, coma dos avances do feminismo, dos intercambios interculturais e dos temas tratados en concreto neste encontro, desde unha visión máis optimista. Pechouse cunha dinámica grupal para simbolizar o tecido de redes entre xeracións e culturas.

Agradecemos moito a participación das persoas que se achegaron así coma da iniciativa e a dispoñibilidade do Concello de Irixoa para cedernos o espazo e dar difusión á actividade.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.