Experiencias Interxeracionais das mulleres no rural

Este xoves 12 de febreiro ás 16.30h celebrouse na Biblioteca Municipal de Irixoa unha segunda sesión desta actividade que consistiu en reunirnos en Irixoa cun grupo de mulleres habitantes deste municipio, dispostas a compartir con nós os seus saberes e reflexións sobre a vivencia coma mulleres rurais. Este segundo encontro xurdiu a raíz daquel primeiro celebrado en novembro, que era o único previsto inicialmente no proxecto, por iniciativa do grupo e como resultado da enerxía xerada.

A xornada centrouse en poñer en valor os coñecementos e as vivencias das mulleres da contorna, tecendo pontes entre xeracións. Foi un espazo no que puidemos compartir saberes, experiencias e fortalezas, celebrando o labor fundamental das mulleres na construción e sostén das comunidades rurais.

Demos, deste xeito, cunha oportunidade única para aprender sobre o papel da muller rural na realidade que afrontamos, no presente e futuro dos nosos territorios e da vida social que se sostén neles. Aproveitamos, de feito, para gravar o episodio nº 46 do falangullo que está dando voz a este proxecto, a serie de episodios Habitando o Rural. Poderédelo escoitar proximamente na nosa web, na maioría de agregadores de podcasts e por supusto vía feed na túa aplicación de podcasts favorita.

A actividade estivo aberta á participación de toda a veciñanza e de todas aquelas persoas que lles resultara de interese. Temos que agradecer ao Concello de Irixoa que nos cedera este espazo para poder acoller as dúas sesións da actividade, e en especial a María Cabezal pola súa total dispoñibilidade e facilidades dadas á hora de organizar este encontro.



Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.