Este mércores 3 e xoves 4 de decembro, impártese no CFR de Vigo a formación Cartografías Sociais, destinada ao profesorado galego de calquera nivel educativo. Esta formación forma parte da liña de traballo do proxecto Dereito ao Hábitat Rural enfocada en proporcionar recursos, materiais e ferramentas que permitan adaptar e contextualizar o currículo educativo ás condicións específicas do hábitat rural local.
Esta formación, organizada en dúas tardes, conta coa participacion de 8 docentes de educación infantil, secundaria e FP, e 2 relatores da organización. Os obxectivos da formación son:
- Introducir a cartografía como ferramenta de representación e análise da paisaxe e do territorio na práctica docente e introducir a súa utilidade no cambio social a través do estudo do territorio como espazo inclusivo.
- Utilizar diferentes ferramentas, tanto analóxicas como dixitais, para plasmar a realidade próxima a través de cartografías participativas.
- Coñecer experiencias realizadas no ámbito educativo con cartografías como unha das liñas de intervención.
Entre outros, desenvolvéronse os seguintes contidos: a cartografía como metodoloxía didáctica, a análise do territorio e da paisaxe por medio da cartografía, a cartografía como ferramenta para o cambio social, a análise do espazo e do territorio a través dunha mirada inclusiva, o estudo cartográfico das necesidades da infancia e da xuventude no espazo público e no territorio, a representación de percorridos sensoriais… todo elo a través da presentación de diferentes ferramentas analóxicas e dixitais para o uso da cartografía na aula.
Destaca especialmente o valor da formación como espazo de aprendizaxe compartida e reflexión pedagóxica acerca das posibilidades da cartografia como soporte para a análise e o estudio das distintas realidades sociais.
Agradecemos a todo o profesorado participante, que mostrou unha moi boa disposición e xerou un ambiente moi agradable para compartir e aprender xuntas, así coma ao CFR de Vigo pola colaboración con esta actividade, a cesión do espazo e o apoio.



Deixa unha resposta