Foro da Mocidade na comunidade Mam Cajolá

O 16 de outubro tivo lugar un Foro da Mocidade na comunidade Mam Cajolá, Guatemala, que reuniu a 19 mozos e mozas para reflexionar sobre os desafíos que enfrontan. A xornada comezou con dinámicas lúdicas que fortaleceron a unión entre participantes e continuou cunha presentación sobre o dereito para sentirse seguros e seguras ou o dereito á saúde, entre outros, debatendo tamén sobre que son os dereitos políticos, como o dereito ao voto, ou os dereitos económicos, sociais e culturais.

A través de debates e dramatizacións, entenderon a importancia de participar nas decisións que afectan á súa comunidade e a maioría coincidiu en que “participar é ter voz”. Como exercicio final, propuxeron por grupos ideas para mellorar a súa contorna, como crear un parque infantil, manter a cancha deportiva en bo estado e crear un colectivo de mozos e mozas para impulsar diferentes actividades lúdicas e artísticas. Tamén destacaron a necesidade dun instituto básico na comunidade e propuxeron participar en próximas asembleas comunitarias para expor estas propostas.

Ao finalizar, expresaron o seu desexo de seguir creando espazos de diálogo e acción, reafirmando o seu compromiso coa participación activa na toma de decisións que impactan nas súas vidas. Esta xornada permitiulles ver que poden propoñer e ser escoitados e escoitadas.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.