Inauguramos as actividades do proxecto DEREITO AO HÁBITAT RURAL co alumnado do CIFP Valentín Paz Andrade en Vigo

Este martes 11 de novembro o grupo de ASF Rural arrancou as actividades co alumnado co desenvolvemento de dous obradoiros sobre o Sur Global no centro CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo, co alumnado de primeiro e segundo curso do Ciclo Superior de Amoblamento e Deseño de Carpintería e Moble.

O taller, subtitulado “Hábitat Rural e Educación Inclusiva en Proxectos de Cooperación en Guatemala,” versou sobre o contexto das comunidades rurais indíxenas na costa sur do pais, lugar onde leva traballando ASF de maneira ininterrumpida dende 2008. Concretamente a exposición inicial estivo moi enfocada nas condicións que afrontan as familias rurais na atención á educación inclusiva e como as familias de maneira organizada solicitaron o acompañamento de ASF para a construcción dun CREI (Centro de Recursos para a Educación Inclusiva) en Champerico e o acompañamento pedagóxico para o fortalecemento da educación inclusiva nos centros ordinarios da contorna.

A continuación, proxectouse o documental “Soñarlo en Grande” de ASF, que conta dende a perspectiva das familias as dificultades que afrontan na atención das crianzas no ámbito da educación inclusiva e como o proxecto de ASF e as súas contrapartes interviu no municipio. 

Posteriormente realizouse unha explicación de qué criterios xerais de deseño se tiveron en conta para a realización da construción do CREI máis aqueles criterios técnicos importantes a ter en conta para un diseño universal, con enfoque inclusivo, dos espazos e do mobiliario. Tamén se fixo fincapé no enfoque de tecnoloxías apropiadas e na sostenibilidade das tecnoloxías a empregar.

Por último fíxose unha proposta de exercicio práctico para que puidesen realizar na aula durante as vindeiras semanas, poñendo en práctica os contidos do taller a través de propostas de mobiliario inclusivo que poidan ser construidas para este centro, vinculado co curriculum educativo dos módulos de Procesos en industrias de carpintaría e moble (primeiro curso) e Deseño de carpintaría e moble (segundo curso).

Agardamos que todas as participantes desfrutaran do obradoiro e da aprendizaxe canda nós. Non podemos deixar de agradecer ao centro, e en especial ao profesor Mario Viéitez, pola súa participación e compromiso co proxecto.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.