Tras varias colaboracións puntuais en proxectos de educación anteriores, o Proxecto Terra propúxonos presentar conxuntamente un programa para o Plan Proxecta deste curso 2015/2016 da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. A iniciativa ten por obxectivo fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan competencias clave do curriculum e elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.
O tema que escollemos para seren traballado nos centros educativos foi o Dereito ao Hábitat. Compartimos coas escolas e institutos a Unidade Didáctica Dereito ao Hábitat elaborada pola cooperativa galega Hábitat Social, así como todo o material educativo de ASF que está dispoñible na nosa web de recursos educativos.
A proposta foi moi ben recibida e trinta e seis centros das catro provincias galegas mostraron interese, e xa están a promover a realización de proxectos baixo esta temática. Persoas técnicas e voluntarias de ASF están a dar apoio e seguimento aos centros interesados a través da realización de actividades nas aulas, encontros co profesorado e asesoramento das iniciativas a desenvolver.
Para ASF participar neste programa está a resultar unha experiencia altamente positiva, xa que permite achegarnos a centros de toda a xeografía galega e traballar co alumnado de diferentes contextos un tema universal como é o dereito ao hábitat.
Deixar unha resposta