Os próximos venres 13, e xoves 19 e 26 de maio o Espazo Cubo da Normal acollerá a IV Edición do Seminario Hábitat a Escala Humana: TOMA PARTE! Reflexións e propostas sobre a participación no contexto post 15M.
Organizado polo Grupo de Educación para o Desenvolvemento de ASF Galicia, o Seminario Hábitat a Escala Humana pretende contribuír a mellorar a formación e sensibilización en materia de dereito ao Hábitat da comunidade universitaria, así como de diversos perfís profesionais e axentes multiplicadores vinculados con este tema. Ademais, serve de complemento aos contidos do curso en liña Hábitat a escala Humana que este ano cumpriu a súa terceira edición.
Nesta 4ª edición decidimos abordar a participación no contexto actual desde diversas disciplinas, actores e niveis de análises cunha perspectiva crítica. Recorremos á filosofía, a ciencia política, a antropoloxía, as experiencias de movementos sociais e de xestores públicos, para xerar un espazo de reflexión e debate ao redor dalgúns interrogantes que suscita a participación no contexto actual. A participación social, algo limitado a espazos clásicos como partidos, sindicatos e asociacionismo diverso desbordou estas estruturas e interconecta diferentes loitas e espazos xeográficos, producindo ademais novos suxeitos políticos que transcenden as identidades clásicas (o 99%, a maioría, os de arriba e os de abaixo, os indignados…)
A rede, a colaboración, as alianzas difusas, as mareas brancas, verdes, lilas…, as plataformas de afectados pola hipoteca, polas preferentes, as asembleas de barrio, os medios de comunicación comunitarios, empezan a facer máis visible un tecido social que require de novas aprendizaxes, saberes e prácticas para transformarnos individual e colectivamente.
O seminario estrutúrase en tres sesións de dúas horas e media de duración cada unha, na que haberá tempo para a exposición das persoas relatoras e para xerar un espazo posterior de diálogo e intercambio con todas as persoas asistentes.
SESIÓN 1 – Venres, 13 de maio de 2016 – 18:30 horas
REPENSAR A PARTICIPACIÓN: QUE, COMO, QUEN, PARA QUE…
- O concepto de participación no contexto post 15M, novos marcos e actores. De que estamos a falar?
- A comunidade e o común: en construción
- Novas formas de politización e novos suxeitos da política: postpolítica e a participación. Que hai de novo? Potencialidades, límites e conflitos
SESIÓN 2 – Xoves, 19 de maio de 2016 – 18:30 horas
REACCIÓN E CREACIÓN DESDE A CIDADANÍA EN CONTEXTOS RURAIS E URBANOS
- As respostas dos movementos sociais urbanos ante as estratexias e consecuencias neoliberais. Da reacción á creación
- O concepto de cidadanía no mundo rural: mobilización e estratexias de participación na defensa do común
SESIÓN 3 – Xoves, 26 de maio de 2016 – 18:30 horas
A EXPERIENCIA DA PARTICIPACIÓN SOCIAL
- Límites, potencialidades e aprendizaxes de experiencias de participación desde os movementos sociais: protestas e propostas
- Límites e aprendizaxes desde os ámbitos de goberno para a xestión da participación cidadá no contexto municipal
- Novos marcos de relación e acción para a transformación social: partidos e movementos
Á espera de pechar a participación dalgunha das persoas relatoras, en breve publicaremos o cartel definitivo.
A IV Edición do Seminario Hábitat a Escala Humana é unha das actividades incluídas no proxecto ‘Difusión do dereito ao hábitat e as súas dimensións transculturales e de xénero a través da sensibilización e a educación non formal na comunidade educativa da área metropolitana da Coruña’ que conta coa cofinanciación da Xunta de Galicia e a Cooperación Galega.
Deixa unha resposta