O pasado 26 de novembro, xusto un día despois do Día Internacional Contra as Violencias Machistas, celebrouse no coruñés Mercado de San Agustín a Feira de Proxectos de Vida Feministas, unha iniciativa de Experiencias Feministas de Pardo Bazán a prol da igualdade e para visibilizar proxectos desenvolvidos por mulleres.
Mulleres Colleiteiras acudiron puntuais á cita para informar sobre o servizo que prestan á sociedade, repartir embudes especialmente deseñados para a recollida de aceite, e facilitar folletos cos puntos de recollida tanto na cidade como en concellos limítrofes. Unha xornada para compartir e coñecer outras iniciativas á que acudiron as socias da cooperativa Esther Gabarre e Lourdes Gabarre, e Sabela Gabarri do Proxecto Social Mulleres Colleiteiras, xunto a varias voluntarias do grupo de Cooperación Local de Arquitectura Sen Fronteiras.
E pouco despois, o día 30, Eva Gómez acudiu a Madrid en representación da cooperativa para recoller o galardón de finalista na categoría Mellor Iniciativa Social dos IV Premios R de Ecoembes. Un novo recoñecemento á súa labor na prevención e a reciclaxe de aceite doméstico usado, un dos residuos máis comúns e daniños para o medioambiente.
Deixar unha resposta