Boas a todas! Grazas por lernos unha entradiña máis!
Somos Rebeca e Elena, e seguimos a escribirvos dende Guatemala. A semana pasada estivemos en Quetzaltenango, máis coñecida pola denominación indíxena Xela. Esta localidade atópase no altiplano do país, polo que o seu clima e paisaxe é diferente ao sur, onde traballamos coas comunidades rurais.
Esa semana tivemos diversos traballos de oficina, preparando a impresión do Diagnóstico Educativo da área Costeira de Champerico e Retalhuleu. Dita documentación presentouse na reunión que ese mesmo venres tivemos coas distintas autoridades, tanto municipais como do propio ministerio de Educación e o Consello de Autoridades das Comunidades do Sur, para presentarse todo o traballo realizado e as conclusións. Deste xeito voltamos a Retalhuleu o xoves e coñecemos á terceira expatriada do equipo de ASF Galicia no país, recén chegada de España.
Entrega do Diagnóstico Educativo as Autoridades Municipais
O venres, xa na reunión na cooperativa coas diferentes organizacións presentouse o diagnóstico ao completo, xunto co diagnóstico resumo e as análises de 50 centros educativos que serían entregados aos equipos directivos de cada un deles. A importancia deste documento é moi grande posto que se está a dotar dunha ferramenta útil para o futuro de toda a rexión. Nel plásmanse as conclusións dos estudos realizados en canto a carencias construtivas e habitacionais de cada unha das infraestruturas educativas, así como as melloras precisas en cada unha delas e unha serie de presupostos estimados. A intención polo tanto non é soamente de diagnosticar aquelas escolas vulnerables que precisen dunha reparación inmediata senón tamén de incentivar que sexan as propias institucións as que tomen protagonismo na aplicación de melloras.
Presentación dos proxectos aprobados para o ano 17-18
Nesta reunión tamén estivo presente PRODESSA (Proyecto de Desarrollo Santiago) outra das contrapartes que ASF Galicia ten no país e coa que se traballa conxuntamente nos proxectos de educación. Como ben sabedes os proxectos de Arquitectura Sen Fronteiras creen nun enfoque integral, e no caso dos de educación ademais da construción dos espazos necesarios para a aprendizaxe (os centros educativos, as escolas, os institutos…), é necesaria unha formación para o equipo docente en diversos aspectos. Este é o traballo de PRODESSA e PROYDE (Promoción y Desarrollo, a correspondente organización española que coordina os programas de educación, capacitación e desenvolvemento local), sen as cales o programa educativo carecería de sentido. Estas organizacións procuran a integración de aspectos culturais e de metodoloxías apropiadas aos contextos de ensino, formando ao profesorado en linguas indíxenas e aportando material didáctico de calidade.
Escola da comunidade El Manchón
Froito do xa comentado, unha das priorizacións destacadas foi a do proxecto para unha escola situada na comunidade de El Manchón. Co cal realizamos unha visita o mesmo venres coa intención de coñecer a comunidade e contarlles a nova da construción do novo centro educativo no ano próximo. A semana remataba cos obxectivos propostos cumpridos!
Escola da comunidade El Manchón
Seguimos traballando e dándovos novas das nosas andanzas así que non nos perdades de vista!
Unha aperta dende Retalhuleu!
Rebeca e Elena.
Deixar unha resposta