Bos días, boas tardes e boas noites!
Como puidestes ler en anteriores entradas, as últimas semanas da nosa estadía en Guatemala foron ben intensas, e por iso nos foi imposible describir todas as actividades levadas a cabo en terreo. Hoxe faremos unha resume de todo o que nos quedou sen contar: tarefas PCR e algunha que outra aventura …
O mesmo día que comezamos os procesos participativos co alumnado de María del Mar, fixéronse as presentación dos deseños finais para as infraestruturas educativas nesta comunidade e na de El Rosario.
Estes actos consistiron por unha banda, na explicación do funcionamento dos novos edificios previstos por parte de ASF e ASIAPRODI e, por outra, en chegar a acordos entre todas as partes para levar a bo termino a construción. Nestas partes inclúense a Municipalidade de Champerico, as estruturas comunitarias e a propia comunidade. Cabe remarcar que en todos os proxectos de ASF tentamos involucrar á comunidade tanto no deseño como na fase de construción, porque isto supón unha maior apropiación e garante a sustentabilidade do traballo. Así a poboación ten un papel protagonista no seu propio desenvolvemento.
Presentacións dos proxectos nas comunidades
Os máis novos mostráronse entusiasmados ao ver as maquetas da escola no caso de María del Mar e de igual maneira o profesorado e alumnado ao coñecer a forma do seu futuro salón común cos baños lavables no INEB El Rosario. Resultou unha actividade de gran aprendizaxe e entendemento das fases dun proxecto de cooperación.
O alumnado e o profesorado coas maquetas
Tamén se lle deu un empurrón ao proxecto de vivenda. Tras ter feitas as visitas ás familias a semana anterior, no noso último día polas comunidades, as PCR acercámonos con Ana (técnica de ASF) e Cruz (membro de ASIAPRODI) aos obradoiros de hábitos hixiénicos realizados pola FODHAP para as familias das comunidades, beneficiarias este ano ou en anos anteriores. Alí apréndese a manexar os alimentos, a tratar o auga e adquirir hábitos domiciliares que axuden a evitar enfermidades e infeccións que poden ser moi prexudiciais para a saúde de todos os membros da casa.
Obradoiro de vivenda saudable
No medio de todo este barullo atopamos algún oco para entregar algúns dos libros que faltaban de “Cidadanía Invisible”. Desta volta foi a Pascuala e Rigoberto, dous persoas entrevistadas da comunidade La Verde, e a Yulisa, filla de Juventina (ASIAPRODI) e delegada do INEB de Nueva Cajolá (proxecto de ASF no 2011). Ela encargarase de entregar á biblioteca do centro os dous libros e de amosalos aos demais compañeiros e compañeiras de clase.
Entrega da publicación “Cidadanía Invisible”
Xa por último só nos quedaron as últimas viaxes polo país e as despedidas. Marchamos de Retalhuleu o venres de madrugada cara a capital para emprender a nosa aventura que nos gusta chamar “Tikal express”. Non sen antes facer unha boa cea de exquisitas lentellas cos compañeiros Damián, Cruz e Juventina que nos agasallaron con unhas bonitas palabras, unha bolsa de recordo e coa xa típica foto no gran armario da oficina.
Despedíndonos de Retalhuleu
Xa dende Ciudad de Guatemala arrincamos ata Flores. Unha viaxe longa que nos deixou xa entrada a noite nesta preciosa illa do lago Petén. Como o tempo escaseaba o día seguinte erguémonos ás 3 da mañá para saír a Tikal, onde nos esperaba un amencer sobre o Templo IV deste parque, berce da civilización maya e tamén escenario dunha das nosas películas favoritas da saga Star Wars. Alí vimos e escoitamos estrondosos monos aulladores e monos araña saltando entre as árbores, escalamos pirámides e templos e empapámonos da natureza e do carácter sagrado do lugar.
O remanso de paz non durou moito. No carro de volta preparamos a seguinte etapa e segundo nos baixamos diante do hotel, agarramos as nosas mochilas e saímos escopetadas cara a estación a buscar un bus a Cobán que tardaría outras 7 horas en chegar. Alí pasamos a noite para ao día seguinte facer outra das esperadas visitas a Semuc Champey, onde atopamos unha das mellores pozas naturais que supoñen unha ponte sobre o río que pasa por baixo e que xeran unhas cascadas con preciosas formas e cores. Aproveitamos ao máximo o lugar onde puidemos bañarnos, pasear e coller forzas para a viaxe de volta a Antigua Guatemala onde pasamos os últimos días antes da viaxe de volta.
Vista das pozas de Semuc Champey dende o Miradoiro
Co noso reto conseguido, xa na chegada a Antigua o 31 de outubro, decidimos disfrazarnos e cear pola cidade. A celebración continuou o Día dos Defuntos en Sumpango, Saquetepéquez onde coñecemos a cultura guatemalteca nesta data tan especial de Centro América. Ensalada de friame, barriletes (cometas), flores e música nos cemiterios son entre outras, as principais tradicións desta zona que nos pareceron tan especiais e que foron o fondo perfecto para a nosa despedida.
Ata a próxima, Guatemala!
Deixar unha resposta