Bos días, boas tardes e boas noites!
Aquí estamos unha semana máis para contarvos o que estamos a facer do outro lado do charco. Esta foi a terceira semana en Xela, cidade que pouco a pouco vamos coñecendo mellor, xa que aproveitamos un ratiño cada día despois de comer para percorrela.
As tres disfrutando das vistas da cidade de Xela
A principios da semana tivemos a oportunidade de ter unha reunión con tres persoas guatemaltecas, estudantes de arquitectura, interesadas en participar como voluntarias connosco. Xa tiñamos falado e compartido información os meses anteriores e, aproveitando que Bea é a actual responsable de voluntariado de ASF- Galicia, traballamos esta nova posibilidade de colaboración en terreo.
Acudimos as tres xuntas ao encontro para realizar una charla de voluntariado, é dicir, explicarlles que é Arquitectura Sen Fronteiras, como se dividen as diferentes demarcacións dentro de España, os grupos de traballo dentro de Galicia, todo o percorrido do grupo de traballo de cooperación internacional no contexto concreto no que traballamos e, finalmente, os proxectos actuais e as formas de colaboración como voluntarios.
Foi unha reunión moi interesante, onde puidemos escoitar as súas motivacións para colaborar connosco, as súas opinións sobre a arquitectura, experiencias previas e inquietudes. Será un intercambio de opinións que se seguirá a producir, xa que temos dous novos voluntarios no grupo de traballo! Esperamos que sexa unha experiencia tan interesante e enriquecedora para eles como foi para nosoutras ata o de agora formar parte de este gran equipo de persoas.
Charla de voluntariado cos compañeiros de Guatemala
Por outro lado, durante toda a semana continuamos coas nosas tarefas PCR. Á que mais tempo puidemos adicar, foi á preparación do proceso participativo de deseño do espacio de ocio da escola que se vai a construír na comunidade de María del Mar. Esta actividade consiste na adaptación do proceso levado a cabo no 2015 co alumnado do instituto da comunidade do Rosario.
Este ano o grupo de nenas e nenos cos que traballaremos teñen entre 5 e 12 anos e, actualmente, teñen as clases no salón común da comunidade ata que se constrúa a nova escola. Por isto, estivemos a traballar nas etapas que realizaremos para que o alumnado sexa consciente de que ese espazo é deles. Se traballan xuntos, aportando cada quen as súas habilidades, poden melloralo. Se o coidan poden ter un bo espacio de ocio.
O traballo previo está consistindo na investigación en metodoloxías participativas, na búsqueda de exemplos de deseño de espazos de ocio con nenos e nenas de idades similares, na definición dos obxectivos que se queren alcanzar en cada fase e que dinámicas precisamos… Aquí vos deixamos un primeiro esquema do que se quere levar a cabo:Todo isto, de forma paralela ao apoio aos nosos compañeiros nas tarefas que van xurdindo dentro dos tres proxectos (instituto do Rosario, escola de María del Mar, e as dúas fases do proxecto de hábitat), unha longa reunión de posta ao día con Juventina e Damián (compañeiros da ONG contraparte, ASIAPRODI), a reunión co enxeñeiro de estruturas, a formulación dun novo proxecto para unha convocatoria, así como as demais tarefas PCR de investigación en infraestruturas educativas ou a proposta dun tema de Traballo de fin de Máster para a escola de arquitectura de A Coruña. Si si, todo isto nunha semana!
E como sempre, o fin de semana aproveitamos para algunha excursión. O sábado visitamos un pobo próximo, Cantel, coñecido pola súa fábrica de tecidos de algodón e a súa cooperativa de de vidro reciclado, na cal tivemos a oportunidade de coñecer aos traballadores e traballadoras que nos mostraron todo o proceso para facer unha peza deste material. Quedamos impresionadas coa velocidade e precisión do traballo!
Despois de mercar moitos agasallos, achegámonos á vila para dar un pequeno e tranquilo paseo, desfrutando das vistas das montañas próximas.
Proceso de fabricación de pezas de vidro reutilizado e paseo por Cantel
O domingo, dispuxémonos ben pronto para visitar unha lagoa no cráter dun volcán, a lagoa Chicabal, na compañía do noso xa habitual guía. Tras unha hora nun “chicken bus” e outra de camiño a pé acadamos o mirador, para observar a lagoa dende arriba.
Tralas 573 escaleiras de descenso chegamos a este fermoso lugar, cheo de flores, restos das ofrendas realizadas nos rituais maias. Despois de coller forzas cun almorzo e descanso, continuamos a ruta percorrendo toda a contorna da lagoa, vendo cada un dos 20 altares maias que existen neste camiño (un por cada nawal do calendario). Todo isto acompañadas pola néboa que ía cubrindo todo, para a continuación deixarnos observar a paisaxe e finalmente voltar a ocupar este incrible espazo natural.
Lagoa no crater do volcán Chicabal
Ata próxima!
Deixar unha resposta