Plan Proxecta 2018

Rematamos un curso máis colaborando con Proxecto Terra no Plan Proxecta da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Proxecto Terra

Como todos os anos, foi unha gran experiencia que nos achegou á diversidade do alumnado e nos permitiu seguir aumentado a cartografía do dereito ao hábitat nas diferentes provincias de Galicia desenvolvendo a Unidade Didáctica do mesmo nome.

Comezamos en xaneiro, asistindo ao IES Catabois en Ferrol da man da nosa compañeira Sole que agora coordina o Plan Proxecta nese centro. Esta circunstancia fixo que a visita aínda fose mais especial. Tivemos un encontro co seu alumnado de 3º e 4º de ESO. Falamos sobre o seu hábitat máis próximo, os obxectivos de desenvolvemento sostible, as expectativas de emprego asociado a súa contorna e reflexionamos sobre cuestións de xénero.

Proxecto Terra CEIP CormeDespois achegámonos ao CEIP de As Forcadas en Corme. Nesta ocasión, o alumnado participante foi de primaria. Compartir cos mais pequenos e pequenas as súas vivencias sobre o espazo que habitan a través de fotos, debuxos e contos sempre resulta sorprendente e alentador. Os temas clave foron os espazos de xogo na súa vila, o desprazamento á escola e os cambios que sofre o seu entorno debido ao turismo.

Proxecto Terra CPI CastroverdeA mediados de abril voltamos ao CPI de Castroverde en Lugo. Neste centro xa estiveramos o ano pasado e poder volver supón toda unha sorte para nós. Debatemos co alumnado de 3º de ESO sobre as diferencias na vida dun adolescente entre as áreas rurais e urbanas, as súas necesidades e ausencias, pero tamén os puntos en valor desta área como a autonomía da mocidade ou o contacto coa natureza. Ademais, o debate abriu as portas a repensar o papel da muller no rural e quedounos constancia que dentro do Plan Proxecta van seguir investigando sobre este tema.

Proxecto Terra IES MiIladoiroFinalmente acudimos ao IES do Milladoiro. Cun alumnado moi heteroxéneo de 1º de ESO, dentro da materia de Paisaxe e Sustentabilidade, falamos das circunstancias deste núcleo, cidade dormitorio ao abeiro de Santiago de Compostela, de temas de seguridade na rúa, do seu patrimonio e espazos de lecer.

Tras estas catro actividades complementarias queda pechado este curso. De novo, dar as grazas a Xosé Manuel Rosales por invitarnos á participar nunha convocatoria máis desta iniciativa e a todas as profesoras que nos convidaron aos seus centros. Esperamos poder continuar o curso que ven!

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.