Polo dereito á vivenda digna

Ante a manifestación estatal polo dereito á vivenda convocada polo Sindicato de Inquilinas o sábado 5 de abril, desde Arquitectura Sen Fronteiras estamos comprometidas co dereito humano a unha vivenda digna. Por iso sentímonos na necesidade de alzar a nosa voz fronte a unha realidade que é insostible para centos de miles de persoas en Galicia e en España.

Nos últimos anos, a crise habitacional agravouse de xeito alarmante, afectando especialmente os colectivos máis vulnerables. A especulación inmobiliaria, o desaxuste entre oferta e demanda e a falta de políticas públicas eficaces fixeron que o dereito á vivenda digna se convertise nun privilexio que deixa fóra á maioría da poboación. Hoxe, máis que nunca, é necesario esixir solucións urxentes e estruturais para garantir que todas as persoas poidan acceder a un fogar adecuado.

Actualmente, España é “un dos Estados máis demandados e o máis condenado, polo Comité de Dereitos do Neno e do Comité de Dereitos Sociais Económicos e Culturais, concretamente neste último, do total de 138 comunicacións realizadas, 135 corresponden a España”.

Non se pode garantir o dereito á cidade mentres non se garanta o dereito a unha vivenda. Por esta razón, desde ASFE pensamos que é necesario reforzar na nosa Constitución o dereito a unha vivenda digna. Desta maneira, daranse unha serie de garantías que agora mesmo non se contemplan ao ser clasificado este dereito como un principio reitor dentro da nosa Constitución. É necesario deixar de lado o “falso dilema entre dereito á vivenda e dereito á propiedade” e regular o mercado da vivenda en relación ao importante valor social que ten este ben de primeira necesidade.

Fronte á crecente EMERXENCIA HABITACIONAL solidarizámonos e sumámonos ás organizacións convocantes da manifestación apoiando as súas reivindicacións.

Acabemos co negocio da vivenda

Vémonos este sábado 5 de abril!
Consulta o lugar e hora da manifestación na túa cidade aquí.

Deixa unha resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.