Primeira xornada do Seminario Intercentros Dereito ao Hábitat Rural

Este sábado 15 de novembro desenvolveuse no IES Plurilingüe de Ames o primeiro encontro do Seminario Intercentros, enmarcado dentro do proxecto Dereito ao Hábitat Rural, un espazo pensado para intercambiar coñecementos, experiencias recursos e ferramentas entre o profesorado dos centros educativos rurais de Galicia.

O encontro contou coa participacion de 12 docentes de 11 dos centros vencellados ao proxecto e 5 relatoras da organización, combinando formación teórica con dinámicas participativas e traballo colaborativo. Durante a mañá reflexionamos xuntas sobre que é para nós o hábitat  e abordamos a súa complexidade dende perspectivas sociais, ambientais culturais ou políticas. Realizamos tamén unha actividade de "Cadaver lexislativo" no que as persoas participantes crearon unha carta de dereitos, reflexionando sobre o significado do hábitat e a súa relación cos dereitos humanos, a paisaxe, a vivenda digna ou a participación cidadá.

Na segunda parte do día profundizamos sobre a dimensión participativa da construción do hábitat e compartíronse experiencias de Galicia e Guatemala. Coa dinámica dun World café analizamos as realidades dos diferentes centros educativos rurais, identificando desigualdades territoriais e a diversidade de contextos sociais e físicos. Neste intercambio detectamos retos comúns como a masificación nos centros urbanos, o illamento dos rurais e a necesidade de maiores recursos e implicación social. Rematamos coa presentación da Unidade Didáctida de Dereito ao Hábitat e da aplicacion de Mapeo Colaborativo de ASF. 

Este primeiro encontro sentou as bases para seguir construíndo unha educación máis consciente e máis vinculada co territorio, poñendo en valor a necesidade dunha visión integral do hábitat, a necesidade da implicación colectiva e o papel chave das comunidades educativas na defensa dun hábitat rural sostible e inclusivo.

Os nósos agradecementos ao centro anfitrión do evento, o IES Plurilingüe de Ames, e en especial a Sabela Cobas, profesora deste centro e coordinadora do grupo Intercentros, pois sen a súa impagable colaboración e boa disposición non poderiamos ter realizado esta actividade con éxito.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.