Resumo dos Obradoiros de Modelos Ecosociais 2025

Ao longo deste mes de decembro realizáronse os primeiros cinco obradoiros de Modelos Ecosociais, de dez previstos no marco do proxecto Dereito ao Hábitat Rural, enfocados no traballo vivencial de temáticas afíns ao hábitat, o territorio e a paisaxe.

O 12 de decembro once alumnos e alumnas do Ciclo Superior de Educación e Control Ambiental do CIFP A Granxa de Ponteareas participaron no obradoiro impartido por Marta Somoza e Juan Aragonés (Colectivo Re.Creo), denominado A EVOLUCIÓN DAS FORMAS NO TEMPO: DETECTIVES NA RÚA.

Este consistiu nun roteiro guiado polas inmediacións do centro educativo durante o cal se imparten contidos teóricos respecto dos estratos da morfoloxía, historia e patrimonio do territorio, á vez que se desenvolve por parellas un exercicio práctico de proposta de acción ou mellora que se pon en común unha vez de volta no centro.

Este taller permitiulle tanto ao alumnado coa a docente participante descubrir o entorno máis inmediado do centro pestándolle unha atención máis pausada e descubrindo lugares e detalles que normalmente pasan desapercibidos.

O mesmo día 12, e o 15 de decembro de 2025, Miudiño S. Coop Galega desembarcou en na EEI de San Roque (Viveiro) e na EEI de Taboexa (As Neves) respectivamente, co seu obradoiro ARGALLANDO: CON MATERIAL NATURAL E FERRAMENTA REAL.

A actividade permitiu aos 81 pequechos e pequechas destes centros experimentar con liberdade explorando os materiais naturais de refugallo proporcionados e os modos de combinalos ou modificalos coa axuda de distintas ferramentas, chegando incluso a construir xoguetes e artefactos.

O taller permite ao alumnado poñer en práctica a transformación e creación a partir de materiais que teñen dispoñible na súa contorna máis inmediata, con pequena ferramenta mais dun xeito seguro e controlado.

O 16 de decembro de 2025, un total de 16 alumnos de 5º de primaria do CPI Virxe da Cela de Monfero participaron no obradoiro ENCONTROS NO TEMPO, impartido por Feitoría Verde.

A actividade consistiu nun espazo de creación dende a memoria colectiva da sociedade, as historias e lembranzas doutras formas de vivir vencelladas ao territorio e aos seus espazos: a través de distintintas dinámicas de xogo e debate, adaptadas ás idades das participantes, e de pequenas mostras de artes (música, danza, fotografía…) e saberes populares, achégase ao alumnado a espazos comunitarios galegos esquecidos ou en desuso (lavadoiros, fontes e muíños) e anímaselles a conectalos coas súas propias vivencias. Finalmente, realizan as súas propias propostas artísticas sobre os anteditos tres elementos coa técnica de collage, e poñen en común os seus traballos.

O taller permitiu ao alumnado redescubrir estes espazos comunitarios, tan presentes no noso territorio e as veces tan descoñecidos para eles; así como coñecer a súa impronta nos saberes populares máis aló da súa propia arquitectura, como cantares e muiñeiras.

Xa por último neste ano 2025, o 18 de decembro Natalia Campos Ferro realizou no IES Pintor Colmeiro de Silleda o obradoiro CARTOGRAFÍAS EMOCIONAIS, con 24 alumnas e alumnos de 4º da ESO.

Este taller consiste nunha sesión de mapeo colectivo dende as experiencias cotiás das participantes, como punto de partida para reflexionar sobre a repercusión que o territorio que habitamos ten na nosa percepción e estado de ánimo. Por grupos segundo as distintas emocións, o alumnado traballa a identificación e reflexión de espazos significativos sobre unha ortoimaxe do centro da vila, reforzando o seu vínculo e sentimento de arraigo no territorio, creando un mapa sobre a memoria da xuventude. Como peche, faise unha posta en común e unha reflexión final acerca das características dos espazos que nos fan sentir ben.

O taller permite ao alumnado iniciarse na cartografía como ferramenta dende unha mirada menos analítica e máis apreciativa, así como conectar co seu territorio e compartir cos compañeiros e compañeiras dende a emoción positiva.

Temos que agradecer a cada un dos axentes que imparten estes obradoiros, entidades e profesionais con experiencia, sensibilidade e metodoloxías contextualizadas para a implementación de talleres que poñen no centro a realidade que vive o alumnado nos seus territorios. Así como ás comunidades educativas participantes pola interese e participación no proxecto.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.