Segunda xornada do Seminario Intercentros Dereito ao Hábitat Rural

Este sábado 29 de novembro levamos a cabo no IES Plurilingüe de Ames a segunda sesión do Seminario Intercentros do proxecto de Dereito ao Habitat Rural, que reune a docentes de diferentes centros de Galicia para reflexionar e intercambiar coñecementos sobre o habitat rural.

Esta segunda xornada conta coa participacion de 10 docentes de 9 dos centros vencellados ao proxecto e 4 relatoras da organización.

Comézase a mañá cunha actividade para reflexionar acerca da clásica confrontación dos termos rural e urbano, ubicando nun mapa conceptual termos relacionados con cada un dos ámbitos. Neste debate xurde a complexidade destes conceptos e da realidade galega e como as fronteiras entre o rural e o urbano son cada vez máis difusas, xurdindo espazos intermedios como o rururbano, o periurbano ou os centros vilegos. Tamén se cuestiona a contraposición histórica e se fala sobre a relación de interdependencia que hai entre as ruralidades e as urbanidades.

A continuación, realízase un intercambio de experiencias e proxectos de seis dos centros participantes:

  • As xornadas de Educación ambiental realizadas no do CIFP a Granxa en Ponteareas
  • O programa Construíndo coa técnica de Tapia para coñecer as técnicas tradicionais no CEIP Virxe da Luz de Portomarín
  • As actividades realizadas no proxecto Terra sobre a ordenacion do territorio no IES de Ponte Caldelas.
  • O taller de paisaxe urbana realizado en Malpica no IES Urbano Lugrís que se convertiu nunha accion social que fixo chegar as súas propostas ao concello
  • As propostas e avances en accesibilidade no ciclo de Deseño e Amoblamento con Madeira do CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo
  • O proxecto Patio con(vida) para recuperar os espazos compartidos do centro e a valoración do entorno no IESP de Ames.

Acto seguido, realízase unha cartografía de boas prácticas de dereito ao hábitat rural. Todas as experiencias e compartidas resultaron moi enriquecedoras, destacando o seu poder para o empoderamento da comunidade educativa, a importancia da acción social e a participación, o contacto co medio e o avance cara a renaturalización das nosas contornas.

Péchase a xornada cunha visita ás instalacións do centro para coñecer in situ o proxecto Patio con(vida) do centro anfitrión. O seminario non acaba aquí, pois prevese a celebración dunha terceira xornada de devolución e peche, o vindeiro mes de marzo.

Reiteramos o noso agradecemento con todo o profesorado participante, pola súa implicación e a súa xenerosa aportación de saberes, coñecementos e experiencias; así como ao centro e a Sabela Cobas pola coordinación.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.