A mediados de agosto viaxamos ata Champerico (Guatemala) xunto a un equipo da ONG Agareso para rodar un documental sobre o programa Noj. Desde 2009 traballamos nun proxecto que ten un obxectivo ambicioso: mellorar a calidade educativa con pertinencia cultural e de xénero en 10 comunidades indíxenas. Desde que comezamos, avanzamos moito, exemplo diso é a noticia que vos comunicamos hoxe.
En Guatemala dáse un paradoxo curioso: a lexislación do país fala sobre educación inclusiva e contempla a súa aplicación en Centros de Recursos para a Educación Inclusiva (CREI). Aínda así, na práctica, estes centros son case inexistentes e iso provoca grandes carencias na inclusión real nas aulas.
As comunidades indíxenas toman parte e constrúen un CREI
En Champerico, a Asociación Indíxena Agropecuaria Pro Desenvolvemento Integral (ASIAPRODI) organizouse e decidiu tomar cartas no asunto. Co acompañamento de ASF, construíu o seu propio CREI, un espazo que ofrece formación e recursos á comunidade -docentes, alumnado e familias- sobre todos os conceptos que abarca a educación inclusiva. O centro conta con 13 espazos distintos, entre os que destaca un arquivo de materiais pedagóxicos, dúas aulas de terapia individual e de grupo e un ximnasio.
Un paso capital na mellora da calidade educativa
Cando se incorpora e se traballa o concepto de inclusión nunha comunidade, toda a sociedade gaña. O fin deste proxecto é traballar coa comunidade no seu conxunto para lograr unha cidadanía e un hábitat educativo máis inclusivo.
O seguinte paso
Alma, Cesar, Damián, Dikson, Dulce, Noemí e Patricia son algúns dos nomes que vos van a empezar a soar dentro de moi pouco. Elas e eles son protagonistas da peza documental de Agareso, as persoas que nos axudarán a contar a historia de Noj. O pasado -como comezou o proxecto-, o presente -como se traduce desde xa mesmo na vida da comunidade- e o futuro -que repercusión final quere ter na vida da localidade e os seus habitantes-. Teredes noticias moi pronto!
Deixar unha resposta