Un exame, un documental e un aniversario

Bos días, boas tardes e boas noites!

Así comezan os nosos compañeiros e compañeiras de Habitando os seus falangullos e pareceunos a mellor opción para salvar a distancia horaria.

Xa levamos en Guate unha semana que podemos resumir nunha soa palabra: intensa.

O luns erguémonos ben cedo, como sería a tónica de todas as xornadas, e arrincamos cara a capital para reunirnos con PRODESSA, a organización coa que executamos os nosos proxectos educativos. Tiñamos que chegar antes das oito porque unha de nós tiña un exame en liña da universidade que solventar antes do encontro. Ciudad de Guatemala definitivamente non é unha cidade pensada para o tráfico e, aínda que saímos con moita antelación, atopamos o habitual atasco. Case toca facer o exame no coche, pero finalmente chegamos xustiñas e pasamos a proba con éxito. Dar as gracias porque facer exames con vós é máis sinxelo.

Exame desde o carro, reunións cos compañeiros de PRODESSA e Save The Children.

Exame desde o carro, reunións cos compañeiros de PRODESSA e Save The Children.

Con PRODESSA falamos sobre a investigación sobre as infraestruturas educativas que estamos a desenvolver en Retalhuleu. Explicáronnos o sistema educativo guatemalteco, as súas carencias e dificultades no acceso á escolarización, as diferencias entre a educación pública e privada… Foi unha reunión moi interesante que nos achegou unha visión xeral deste ámbito en Guatemala que nos era tan alleo.

Pola tarde coñecemos aos que ían ser os nosos compañeiros de aventura durante toda a semana: Rebekah, Ana (EEUU) e David (Australia) da ONG Save The Children. Viñan a Guatemala a rodar os proxectos educativos de ASF para un documental que están producindo sobre Escolas Seguras. Pasarían con nós os seguintes días poñendo a proba o noso “dominio” do inglés.

De novo, o martes madrugamos. Tocaba facer a viaxe á costa sur de Guatemala. Son catro horas e media de traxecto en paralelo a espectacular cadea de volcáns que cruza o país. Despois dun potente almorzo, chegamos á oficina de Retalhuleu, baixamos as maletas e continuamos camiño ás comunidades rurais onde se desenvolven os nosos proxectos.

Descanso durante a actividade con Juventina e Rebekah e gravación do mantemento das instalacións do Instituto.

Descanso durante a actividade con Juventina e Rebekah e gravación do mantemento das instalacións do Instituto.

A primeira parada foi na cooperativa de fabricación de materiais B’eljuj Q’anil onde nos reatopamos cos compañeiros de ASIAPRODI e puidemos gravar as primeiras secuencias do documental. As cámaras sempre levantan expectativas! A continuación comezamos coa actividade principal do día na comunidade de María del Mar, onde este ano iniciarase un proxecto de construción dunha escola de primaria. Entre o alumnado, os seus pais e nais e as estruturas comunitarias, sempre guiados por Lara e Adrián, reflexionouse de forma participativa sobre a orientación solar, identificáronse os riscos da parcela e aqueles elementos a conservar. Finalmente, chegouse a un acordo sobre o lugar a colocar a nova escola. Como última visita do día, paramos no instituto da comunidade de Nueva Cajolá para que Save The Children tivera planos dun edificio de ASF con actividade académica.

Toma a toma chegamos ao mércores. Aproveitamos que esa mañá na cooperativa estaban en plena produción de tella e bloque para captar algunhas secuencias e realizar entrevistas ás persoas cooperativistas. Algo mais tarde, esperábannos no instituto de El Rosario para gravar as actividades educativas da nosa coparte: ao equipo de docentes e aos nenos e nenas intentando concentrarse nas aulas coa recomendación de facer como se a cámara non estivese. Pensan os profesionais que iso é doado! Que lle pregunten aos rapaces. Podemos asegurar que a atención estaba dispersa nas súas cabeciñas.

Gravación das cooperativistas fabricando tella.

Gravación das cooperativistas fabricando tella.

Pola tarde, o equipo de Save The Children quixo gravar na oficina de ASF a parte mais técnica do proceso. Lara e Adri explicaron, a través dos planos do proxecto de execución, as medidas tomadas para garantir a estabilidade estrutural das construcións ademais do traballo realizado coa poboación beneficiaria. Mentres, nós recibíamos unha clase maxistral de Rebekah sobre estruturas resistentes a sismos e ciclóns. Aprendemos mais en media hora en inglés con ela que en moitos anos de estudos na ETSAC. Da que pensar. Cenamos na casa e deitámonos pois nos esperaba un dos días mais bonitos para unha das persoas que aquí escribe.

Rebekah ensinando estruturas sismorresistentes.

Rebekah ensinando estruturas sismorresistentes.

A mañá do 8 de setembro foi o meu cumpleanos. Recibín como sorpresa, nunha terraza chea de globos, un vídeo da miña familia e amigos cantando. Cando chegamos ao instituto do Rosario os rapaces e rapazas esperaban para desfilar a ritmo de cuuuuuuuuuuumbia e merengue. Logo cantaron as Mañanitas acompañados do profe pianista. Comimos pastel despois de meter nel os fouciños.

imagen2

Parabéns!

Logo houbo que traballar un rato, non todo ía ser leria! Gravamos novas secuencias do proceso participativo do deseño do edificio co alumnado, docencia e comunidade e finalmente ubicamos na parcela as novas dependencias do centro: o salón comunal e as letrinas.

Gravación do proceso participativo do INEB de El Rosario

Gravación do proceso participativo do INEB de El Rosario.

Despois dunha dura xornada, esperábanos a piscina, unha opípara comida, a despedida do equipo de rodaxe, papelería de oficina pola tarde e unha cea de aniversario á española con tortilla, pastel con velas, regalos, proxección e luces no patio da casa. Non podía ser un peche mais perfecto.

Deixando esta linda lembranza, concluímos aquí o relato.

Ata a próxima!

_mg_9816

Next Post »

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.