Unha ceremonia, once reunións e un inicio de obra.

Boas dende Reu!

Despois do traballo de oficina e xa c0s planos para o proxecto da escola de Victorias III impresos, desplazámonos á comunidade de El Rosario onde se están a construir as vivendas do proxecto de hábitat, acompañando a ASIAPRODI na supervisión das obras. Pasamos alí o día e almorzamos xunto ao representante comunitario.

 

Supervisión de obra das vivendas de El Rosario

 

Esa fin de semana a comunidade de San Miguel Las Pilas convidounos a almorzar co motivo das súas festas patronais e o aniversario da súa creación. Alí, asistimos ao partido de fútbol que se xogaba ese día. Por outra banda, tamén fomos convidados a acudir a unha ceremonia tradicional maya mam, guiada por Juventina compañeira de ASIAPRODI.

 

Foto dalgúns membros de ASIAPRODI e ASF

 

A semana seguinte viaxamos a Xela (Quetzaltenango), alí tivemos unha reunión co enxeñeiro e co mestre de obra do proxecto de educación (Victorias III). Ademáis, organizamos tamén unha reunión online co equipo de GT Internacional de Arquitectura Sen Fronteiras para poñernos ó día con todo o grupo que nos apoia dende Galicia.

Por outra banda estas dúas semanas ademáis de traballo de oficina e reunións de coordinación tivemos dúas grandes actividades vencelladas ao proxecto de hábitat.

Primeiro tivemos unha reunión, xunto a ASIAPRODI, co Consello de Autoridades que está formado por dous representantes, un home e una muller, das distintas comunidades da zona de Champerico. O Consello de Autoridades é o encargado de priorizar ás familias e ás comunidades beneficiarias dos proxectos.

Dentro do proxecto de hábitat vaise iniciar una nova liña de desenvolvemento que ten como finalidade a mellora do entorno domiciliar. Ao ser unha novidade é moi importante informar e debatir co Consello de Autoridades a posta en práctica e a estratexia a seguir e ademáis contar coa súa conformidade.

 

Reunión co Consello de Autoridades

 

A segunda foi organizar e realizar un taller de formación sobre vivenda e entorno domiciliar saudable na comunidade de Montecristo. Ademáis, para explicar en que vai consistir esta nova liña de proxecto ás familias interesadas.

 

Taller formativo na comunidade de Montecristo

 

Esta semana comezamos viaxando a Victorias III (ao fin!) acompañando a ASIAPRODI para ter unha reunión de inicio de obra da escola para esta comunidade. Nesta, explicóuselle a tódolos membros da comunidade como vai ser o deseño da escola, presentouse o mestre de obra que se encargará da construcción, acordouse un cronograma e sinalouse a localización da escola na parcela. Tamén ensinóuselles a maqueta da escola a todos e todas, grandes e pequenos, e puideron ver, con moita emoción, a escola en pequeniño.

 

Explicación do proxecto da escola na comunidade de Victorias III

 

Ao tempo o mesmo día comezamos o proceso participativo, que estivemos a preparar as semanas anteriores, cos nenos e nenas da comunidade. Na seguinte entrada contarémosvos máis!

Un saúdo dende América!

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.