Outro ano mais comezamos as actividades complementarias para os centros inscritos no Plan Proxecta Dereito ao Hábitat do curso 2016/2017. Unha proposta do Proxecto Terra e o grupo de Educación para o Desenvolvemento de Arquitectura Sen Fronteiras.
O pasado día 8 de marzo visitamos o CPI de Castroverde (Lugo) onde desenvolvemos a Unidade Didáctica Dereito ao Hábitat co alumnado de cuarto de primaria. Reflexionamos sobre os conceptos de hábitat e o hábitat humano, a paisaxe e o territorio facendo incidencia na súa contorna rural. Fixemos murais sobre o seu camiño dende casa á escola. Os nenos e nenas expuxeron fotografías que tiñan sacado dos seus espazos cotiás. Analizaron as razóns, o porqué unhas gústanlles e outras non. Debatimos na aula sobre como coidar os espazos, sobre a súa historia e tradición.
Posteriormente demos unha pequena conferencia aos catro grupos da ESO sobre o traballo dunha ONG como a nosa. Explicamos a compoñente social e frecuentemente esquecida da disciplina da arquitectura. Proxectamos o documental El derecho a un techito e aproveitando que era o Día da Muller fixemos unha referencia ao seu papel na construción do hábitat. Finalmente tivemos un pequeno debate sobre o acceso a un hábitat digno da poboación en Galicia.
Agradecemos enormemente ao centro ternos recibido. Pasamos unha mañá moi agradable cos seus alumnos e alumnas, e amén co seu profesorado implicado.
Ata a próxima!
Deixa unha resposta