Este mes de xaneiro retomamos a actividade do proxecto Dereito ao Hábitat Rural, tras un merecido descanso de Nadal para todo o equipo, con dous novos Obradoiros de Modelos Ecosociais, en Ponte Caldelas (Pontevedra) e Portomarín (Lugo).
Comezamos o ano con enerxía o día 9, co obradoiro de Cartografías Emocionais no IES de Ponte Caldelas, impartido pola arquitecta Natalia Campos Ferro a un grupo de 15 rapazas e rapaces de 4º da ESO.
Natalia comezou por explicar o que é unha cartografía, facendo unha breve exposición das distintas representacións cartográficas e o uso desta ferramenta para a análise emocional dos lugares que habitamos. A continuación, por equipos, desenvolveron unha análise do ámbito da vila, conforme ás emocións que nos xeran os espazos: alegría, calma, orgullo, gozo/beleza e sorpresa. Así, o alumnado puido identificar os lugares que lle xeran unha emoción concreta e reflexionar sobre o que estes espazos teñen en común. Seguidamente Natalia propúxolles un novo reto: xerar un percorrido para un habitante con circunstancias concretas, unha serie de personaxes que se repartiron entre os equipos e para os que cada un debeu idear o mellor percorrido en base ás características dadas. Finalmente, o alumnado puido expoñer a súa análise e reflexionar co grupo enteiro sobre todas as ideas traballadas nesta estupenda sesión.
Natalia, a través da súa proposta aporta unha mirada sensible e interdisciplinar á educación no territorio. Conecta as emocións co espazo habitado, creando cartografías vivenciais que recoñecen o valor do que sentimos nos lugares que habitamos. A súa contribución resulta esencial para traballar con profundidade a identidade, a memoria, o coidado e a autoestima territorial, especialmente coa mocidade.
Nos contextos rurais ou rururbanos como o galego atopámonos con realidades distantes dos discursos urbanos hexemónicos. Somos periferia, e é importante dignificar estas realidades valorando os aspectos positivos dos nosos territorios e sabendo recoñecer a identidade, a memoria, o patrimonio e a beleza de cada lugar. Ademais, as análises que se fan destes lugares moitas veces resultan simplistas, demasiado adultas e técnicas; que disfrazadas dunha suposta imparcialidade dificultan que as necesidades dalgúns colectivos, como a infancia e a mocidade, sexan escoitadas e priorizadas.
Consideramos que é o noso deber como arquitectas é imaxinar novos xeitos de facer nos que outro tipo de experiencias e coñecementos sexan incluídos, a través dun cambio metodolóxico interdisciplinar e interescalar, no que as sensacións, as emocións e as memorias sexan importantes. Precisamos imaxinar como serían esas lecturas do territorio que compartimos se fosen feitas pola infancia e a mocidade, desde a súa experiencia cotiá en primeira persoa.
Por outro lado, onte 21 de xaneiro, o alumnado do CEIP Virxe da Luz, de Portomarín, puido desenvolver o obradoiro Encontros no tempo da man de Feitoría Verde. Desta vez foi un grupo de 19 nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria as que puideron crear ese espazo de memoria social colectiva, coñecendo as historias e lembranzas doutras formas de vivir vencelladas ao territorio e aos seus espazos. Por medio de dinámicas de xogo e debate e de pequenas mostras de artes (música, danza, fotografía…), esta aula de Portomarín puido acoller diversos saberes populares, espazos comunitarios galegos esquecidos ou en desuso (lavadoiros, fontes, muíños…) e comparalos coas vivencias propias de cada persoa. A través da técnica do collage o alumnado puxo en común todo este coñecemento, redescubrindo estes espazos comunitarios tan presentes no noso territorio e ás veces tan descoñecidos para elas e eles.
Grazas ao traballo das compañeiras de Feitoría Verde, a cativada pode achegarse á impronta cultural presente nos saberes populares alén da arquitectura, coñecendo cantares e muiñeiras que as achegan a un coñecemento moito máis completo do noso territorio.



Deixa unha resposta