Xa estamos todas! Así foron os primeiros días

Bo día, tarde ou noite a todas!

Por fín podemos falarvos as dúas, Elena e Rebeca, dende Guatemala. O domingo 24 de setembro, ás 15:50 h, hora local, chegaba Elena ao aeroporto de La Aurora de Cidade de Guatemala. Nese momento reuníamonos o equipo completo de Arquitectura Sen Fronteiras Galicia e dabamos comezo de forma oficial á nosa estancia no país.

Aproveitando a viaxe ata a capital, o mesmo luns 25, tivemos reunión coas contrapartes ASIAPRODI e FODHAP. O encontro realízase na sede dunha das organizacións que conforman esta última (ISMUGUA, Instituto para la Superación de la Miseria Urbana de Guatemala). Estas reunións organizativas teñen unha grande importancia posto que nela tómanse decisións en canto á liña estratéxica dos proxectos e accións conxuntas que se realizan. Como voluntarias que se atopan por primeira vez en terreo, tivemos a ocasión de achegarnos ás problemáticas existentes en primeira persoa.

Así mesmo, nesta primeira semana xa puidemos comprobar como o traballo en terreo se ve condicionado en moitas ocasións polos feitos cotiáns e a climatoloxía. Tras encontrarnos cunha estrada cortada, unha alerta por fortes choivas na zona de Retalhuleu e co noso vehículo averiado, vímonos obrigadas a quedarnos na capital ao longo de toda a semana.  Alí establecimos de xeito temporal a nosa oficina e modificamos o calendario previsto. De todas formas hai moito traballo por diante e son moitas as horas fronte o ordenador. Ademais estamos a coñecer a realidade española da cooperación no país, tendo contacto con outras expatriadas e cooperantes e aprendendo das súas experiencias.

Non por isto a fin de semana había de ser aburrida, así que aproveitando a pouca distancia que nos separaba de Antigua, decidimos facer unha pequena parada para coñecer as súas rúas. Son unha serie de cuadras resultantes da época colonial. Esta cuadrícula da mostra do seu pasado, así como da súa historia como anterior capital do país. O domingo día 1 de outubro podemos voltar a Retalhuleu e comezar xa a semana de traballo en terreo.

 

Seguirémosvos a narrar a nosa historia!

 

Apertas!

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.