O Proxecto de Educación para o Desenvolvemento liderado por Arquitectura Sen Fronteiras en consorcio coa Universidade da Coruña resultou o 2º mellor valorado na pasada convocatoria da Xunta de Galicia. Baixo o título “Proxecto de difusión do dereito ao hábitat, con especial incidencia en modelos de gobernanza participativos, a través da sensibilización e a educación non formal de axentes multiplicadores clave e alumnado de secundaria, na cidade da Coruña” desenvolverase entre agosto de 2017 e novembro de 2018.
O proxecto ten como obxectivo principal sensibilizar e formar sobre os aspectos do hábitat e as súas dimensións transversais como xénero, transculturalidade ou xestión social, facendo especial fincapé na gobernanza a través da participación. Traballaremos con diversas dimensións e escalas conceptuais e metodolóxicas. Por unha banda ampliaremos e daremos continuidade a procesos anteriores, e por outro lado incorporarase un enfoque vivencial de cara a motivar unha aprendizaxe socioafectiva directa e significativa entre os diversos actores implicados: axentes multiplicadores e no alumnado.
Poñeremos especial atención nos axentes multiplicadores, claves para traballar sobre o dereito ao hábitat no seu papel presente e futuro como educadores formais e non formais. E tamén nos profesionais e alumnado de arquitectura para que poidan adquirir este concepto de dereito ao hábitat dende un enfoque social e de dereitos.
Por outra banda, abordaremos tamén a incidencia na comunidade educativa de secundaria proporcionando formación a alumnado e profesorado dun IES da Coruña, o Ramón Menéndez Pidal, que demanda traballar de xeito participativo e vivencial aspectos relacionados co dereito ao Hábitat. Faremos da súa contorna inmediata un laboratorio de aprendizaxe teórico e práctico sobre o papel da cidadanía na transformación do noso entorno.
Para todo elo contaremos coa complicidade e inestimable axuda dun nutrido grupo de profesorado da Facultade de Ciencias da Educación da UDC. Xa estamos traballando, e iremos informando das actividades que estamos a preparar. Sabemos que non vai ser dado pero estamos convencidas de que o esforzo empregado pagará a pena.
Deixar unha resposta