Cooperación Local en asentamentos precarios da Coruña

Durante o 2011 nas Rañas realizáronse as seguintes actividades:

- Traballo de empoderamento comunitario coa poboación a través de encontros e reunións
- Traballo de asesoramento técnico nas áreas de habitabilidade e salubridade
- Inscrición da parcela no rexistro catastral
- Redacción de informes técnicos relativos ao estado das vivendas
- Traballo de orientación laboral coas organizacións Igaxes3 e Fundación Paideia
- Coordinación co Centro de Información da Muller para asistencia a actividades de tempo libre,
acompañamento en temas de xestión e tramitación de ámbito laboral e urbanístico.

A partir do mes de marzo, e a solicitude da poboación da Pasaxe, comezamos o noso traballo de identificación no asentamento chabolista.

Principalmente o noso traballo centrouse en identificar a situación e ir recompilando unha información xeral e básica que culminou cunha relación de familias ou censo base que nos permitirá realizar unha descrición pormenorizado de cada unidade de convivencia durante o ano 2012.

Ademais caracterizouse a nosa intervención por unha toma de contacto ou presentacións con distintas organizacións que traballan en distintos sectores de intervención co obxectivo de tentear as alianzas para establecer para un diagnóstico exhaustivo e inicio da intervención o próximo ano. Paralelamente fomos fortalecendo a nosa relación co Concello da Coruña para tentear as posibilidades dunha intervención conxunta.

O traballo realizado este ano serviunos para establecer os lazos e a confianza necesaria coa poboación do asentamento, base para iniciar un proxecto conxunto que conte coa súa implicación activa.

En resumo e seguindo o esquema organizativo exposto polo grupo de cooperación local para a súa intervención nos asentamentos chabolistas destácanse a continuación as distintas actividades ou iniciativas postas en marcha en cada unha das áreas de intervención:

Area de Habitabilidade e Salubridade:

- Inicio da elaboración de informes de identificación da situación habitacional dalgunhas familias
- Traballo de xestión do proceso de desratización coordinado coa Concellería de Medio Ambiente
- Presentación e coordinación coa Asociación para a Defensa Ecolóxia de Galiza para a organización de actividades de salubridade no poboado.

Area de Saúde:

- Inicio da elaboración de informes de identificación da situación sanitaria dalgunhas familias
- Coordinación e alianza coa entidade Médicos Do Mundo Galicia coa intención de iniciar un proxecto conxunto de saúde para a poboación do asentamento
- Presentación e coordinación coa Asociación de Loita contra a Droga (ACLAD) e co Colectivo Moucho para seguimento de casos de drogadicción
- Presentación e coordinación co organismo municipal Centro de Información da Muller (CIM) para o seguimento de casos de violencia de xénero e protección de mulleres
- Presentación e coordinación coa entidade Fundación Camiña Social para seguimento de casos de execución de medidas penais no medio aberto
- Presentación e coordinación cos Traballadores Sociais de Urxencias do Hospital para seguimento de caso de saúde mental
- Traballo de seguimento de casos de saúde mental, de saúde reprodutiva, de violencia de xénero, de protección da muller e de drogadicción en coordinación con distintos profesionais e entidades especializadas

Area de Educación:

- Inicio da elaboración de informes de identificación da situación educativa dalgunhas familias
- Obradoiros de traballo con nenos e nenas do poboado para a preparación do guión e gravación do vídeo de sensibilización Pedra Papel

Area de Inserción Laboral:

- Inicio da elaboración de informes de identificación da situación laboral dalgunhas familias
- Presentación e coordinación coa Asociación Plataforma polo Emprego para procura conxunta de alternativas de emprego en modalidade de autoemprego ou en empresas de inserción laboral

Transversalmente traballouse o empoderamento comunitario da poboación coa realización de reunións comunitarias e traballo individualizado por unidade de convivencia, e a sensibilización para a cidadanía con iniciativas de visibilización. Neste sentido levouse a cabo o proxecto Promoción do voluntariado en proxectos de acción social en asentamentos precarios.

Nos asentamentos de O Portiño e Penamoa fíxose un acompañamento e asesoramento a nivel comunitario coa Asociación de Veciños de O Campanario e coas familias non realoxadas de Penamoa.