Pechamos o ano 2019 e continúa o traballo de Arquitectura sen Fronteiras – Galicia, no Municipio de Champerico (Retalhuleu, Guatemala).
En 2019 seguíronse executando xunto ás organizacións ASIAPRODI, PRODESSA, FODHAP e PROYDE os nosos dous programas en activo: Programa N’oj (sabedoría) de mellora da calidade educativa e Programa B’an Chuinklal (bo vivir) de mellora das condicións de acceso ao hábitat domiciliar saudable.
Son moitas as actividades contempladas nestes proxectos onde cada organización achega a súa especialidade para lograr os obxectivos:
- Asesoría pedagóxica e capacitación a persoal docentes
- Obradoiros de formación ao persoal técnico do Ministerio de Educación
- Obradoiros para a participación activa das familias na educación
- Diplomados en incidencia política en favor do dereito á educación
- Construción e adecuación das infraestruturas educativas
Programa Hábitat B’an Chuinklal:
- Diplomados en produción social de vivenda e hábitat
- Incidencia política e acompañamento a familias para o seguimento en procesos inconclusos de subsidio de vivenda
- Posta en marcha dun observatorio cidadán da vivenda
- Obradoiros coas familias sobre vivenda saudable e adecuación da contorna domiciliar
- Construción e mellora de vivenda
En 2019, ASF da man de ASIAPRODI, e coa achega indispensable das autoridades comunitarias e das familias, levou a cabo a execución de 8 vivendas na Comunidade del Rosario, 6 vivendas na Comunidade de Montecristo e 31 melloras da contorna domiciliar nas comunidades rurais de Nova Cajolá, Montecristo, Cuchuapán e Santa Inés.
En canto ás infraestruturas educativas, a principios de 2019 terminouse a construción da Escola de Primaria e Preprimaria no Caserío O Manchón. En outubro comezouse coa construción de dúas aulas, un comedor e unha cociña na Escola Oficial Rural Mixta da comunidade multicultural de Vitorias III, ademais, da mellora da instalación de abastecemento de auga e saneamento. Os edificios deseñáronse baixo criterios de seguridade, hixiene, confort, xénero, pertinencia cultural e sustentabilidade ambiental.
Aproveitando o peche deste ano, non queda máis que agradecer todas as achegas: familias, persoal docente, estruturas comunitarias e autoridades que participan nos proxectos, doantes particulares que apoiaron a través do Giving Tuesday, entidades financiadoras públicas (Xunta de Galicia e Generalitat Valenciana) e privadas (Fundación Roviralta e Fundación Caixa Navarra), e por suposto ás persoas voluntarias, socias e técnicas das organizacións e asociacións involucradas.
Feliz 2020!
Deixa unha resposta