Derradeira semana PCR

Ola!

Aquí chegamos coa nosa derradeira semana en Guatemala, aínda que temos que confesar que non toda a pasamos alí. Decidimos deixar para o final a nosa viaxe para coñecer un pouco máis aquela terra e, unha vez máis, tivemos a sorte de contar coa nosa compañeira expatriada Marta Fernández. Agora que xa estamos de volta e a botamos de menos, temos que dicir que estes dous meses pasados non terían sido o mesmo sen ela.

 

O domingo día 21 saiamos cedo nun bus con dirección San Cristóbal de las Casas, Chiapas. Así foi como as tres cruzamos a fronteira cara ao país veciño e pisabamos, as dúas Martas por vez primeira, territorio mexicano. Sabela xa estivera por estas terras hai dous anos e os seus relatos xunto coa noite de cine en casa que fixeramos para ver a longametraxe de Disney Pixar, Coco, non fixeron máis que aumentar as nosas ganas por esta viaxe. Chegamos pola tarde a San Cristóbal e comezamos a desfrutar dos longos paseos polas rúas ateigadas de turistas, os preciosos souvenires, moitos deles de orixe guatemalteca, as pegadas da cultura maia que se extende até aquí e, por suposto, a fantástica gastronomía mexicana. Nos escasos tres días que pasamos nesta cidade, notamos coma aqueles esforzos por manter unha dieta saudable que acompañou ás intensas xornadas de deporte que practicaramos xunto con Lara, quedaban moi atrás. Aínda así, non deixaremos de animar a todo aquel que teña a oportunidade de viaxar a estas latitudes, a que se aventure a probar toda clase de platillos; non lle van decepcionar.

      

Non desaproveitamos, tampouco, as oportunidades que ofrece San Cristóbal para moverse polos lugares impresionantes que ten a natureza chiapaneca. O luns coñecemos o abraiante canón do Sumidero e fixemos unha visita á vila de Chiapa de Corzo. O martes, nunha opción menos turística, aventurámonos a coñecer unha aldea das que lles chaman “caracois”, lugares governados pola resistencia zapatista que promove a autoxestión da terra e a protección da cultura indíxena. O mércores saiamos de volta para Xela, nunha viaxe que non foi nada doada para Marta Sicre, que aínda hoxe sofre as consecuencias ás que unha se expón cando fai turismo gastronómico… Ánimo Martiña! Tanto foi así, que a continuación da viaxe que tiña pensado facer para coñecer Huehuetenango e os Cuchumatanes, non puido ser. Polo menos, agora xa temos todas claro que temos que voltar a Guatemala para visitar estas que din que son estupendas paraxes.

 

O resto dos días en Guatemala aproveitámolos para mercar os últimos recordos que nos queriamos traer, deixar feito parte do traballo que tiñamos pendente, despedirnos do noso compañeiro Borja, de ASF Levante e pasar dous días coñecendo Antigua Guatemala, desde onde partimos o luns para o aeroporto de La Aurora.

 

Ademais de todos os souvenires, temos que recoñecer que trouxemos connosco unha experiencia inesquecible. Novamente, o traballo que se desenvolve desde ASF ensinounos moitísimo e máis cando traballas man a man coas persoas expatriadas en terreo. Lara e Adrián, con toda a súa experiencia traballando nas comunidades da costa sur de Guatemala, demostráronnos que, precisamente, a experiencia é a máis importante das ferramentas para traballar en contextos tan diferentes ao noso. Deles aprendemos a cada día que pasaba e demostráronnos como, a pesar de se converter este moitas veces nun traballo esgotador, cunha carga de responsabilidade moi grande e que deriva en momentos de moito estrés, cunha paciencia infinita e unha enerxía incomprensible, todo sae para adiante. Ademais da aprendizaxe, traemos o orgullo de pertencer a este gran equipo que forma ASF en Guatemala, que xunto co equipo ASIAPRODI, ao que ademais nos une xa moito cariño, suman unha forza moi grande e, paseniño, todos xuntos fan medrar as capacidades dunha poboación que o merece todo. Gustounos moito coñecer o funcionamento das outras asociacións coas que traballamos, a FODHAP, PRODESSA, PROYDE ou AGARESO, todas elas enriqueceron a nosa estancia e axudáronnos a comprender a importancia e complexidade de todo o traballo que, desde aquí ou desde alá, desenvolvemos.

Non nos queda máis que agradecer a todo o equipo de ASF Galicia o traballo que fan cada día, á parte do grupo de ASF Internacional que non puido estar desta vez en terreo pero que apoia e inverte toda a súa enerxía no traballo que alí se desenvolve, á OCV e á UDC por darnos esta oportunidade no noso derradeiro ano na universidade e, novamente, a Marta, Adrián e Lara, por acompañarnos, coidarnos e facer desta unha experiencia única.

 

Para todos e todas elas e para todos e todas vós, que nos lestes en cada entrada desta nosa aventura,

MOITAS GRAZAS!

Deixar unha resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.