Dende a Demarcación de Galicia de Arquitectura Sen Fronteiras manifestamos a nosa profunda disconformidade co ton e o descrédito co que se publicaron, dende o pasado 7 de Febreiro, as últimas noticias en referencia ao caso da presunta detención ilegal, aínda en investigación, no que segundo as publicacións en diferentes medios estaría implicado un residente do poboado chabolista de A Pasaxe. Ante todo, declarar o noso absoluto respecto á investigación en curso e a nosa repulsa ante calquera acto delictivo que puidese ter acontecido. Esperamos polo tanto, que os feitos se aclaren canto antes e a xustiza tome as medidas oportunas para protexer ás víctimas, directas e indirectas.
En relación a isto, queremos resaltar o dano que se está a facer á dignidade e á imaxe dos residentes deste asentamento que nada teñen que ver cos feitos, ao apelar ao colectivo xitano da Pasaxe como un ente unitario. Como pode suceder en calquera dos barrios da cidade, un individuo é susceptible de cometer un acto delictivo sen que isto implique a toda a súa veciñanza ou se lles presupoña confabulación e conivencia. É neste aspecto no que esiximos respecto e profesionalidade aos medios de comunicación. Non debemos esquecer que o poboado de A Pasaxe ou Conservera Celta está habitado por persoas, cidadáns que soportan situacións de extrema exclusión e conviven nun contexto de grande vulnerabilidade, sendo polo tanto as vítimas máis directas da marxinalidade e o empobrecemento existente nestes núcleos.
Arquitectura Sen Fronteiras ten como finalidade a defensa do Dereito ao Hábitat. Neste sentido, queremos reseñar que tanto as persoas sen fogar como as chabolistas se atopan nunha situación de extrema indefensión e exclusión social, e que son precisas políticas e actuacións integrais que traballen non só a área de habitabilidade senón toda a súa problemática de xeito integral, e moi especialmente a visibilización da súa situación e a sensibilización da cidadanía en conxunto. É por isto que nos preocupa especialmente o tratamento informativo da noticia, pois un feito puntual, aínda sen ratificar en vía xudicial, está a ser xulgado e exhibido mediáticamente, afectando non aos supostos autores, senón á imaxe do conxunto das persoas que viven nesta situación. Destacamos especialmente o uso de imaxes de persoas non implicadas no suceso e mesmo menores, que nestes días foron emitidas xunto á noticia, xeneralizando e profundizando en prexuízos que contribúen a perpetuar a situación de exclusión que padece este colectivo.
Como viñemos facendo ata agora, dende ASF temos o compromiso e a responsabilidade de denunciar a situación de emerxencia na que se atopa a poboación que reside nos asentamentos chabolistas, e incidir na falta de vontade politica e inacción dos poderes públicos ante esta realidade complexa.
Mulleres Colleiteiras
As mulleres participantes no proxecto de autoemprego Mulleres Colleiteiras unímonos a este comunicado manifestando o noso malestar e preocupación polos efectos que a devandita noticia está a causar sobre a nosa imaxe. Como grupo formado por 20 mulleres xitanas, ciganas e chabolistas que estamos a loitar por mellorar as nosas condicións de vida, autoconfianza e o noso papel na sociedade, lamentamos o dano que este suceso causou no imaxinario da cidade, agravado polo tratamento que estáselle a dar a esta noticia.
A visión que se transmite nos medios de comunicación supón un profundo retroceso nos avances conseguidos grazas ao esforzo por lograr unha vida mellor e superar os prexuízos. Resulta penoso que exemplos de superación como o do proxecto Mulleres Colleiteiras non se expoñan aos medios coa mesma intensidade con que se está a tratar este asunto, nin se lles conceda a oportunidade de ser un novo e auténtico referente da poboación xitana e chabolista.
Deixar unha resposta