Estudo de sistemas de saneamento básico para escolas rurais na costa sur de Guatemala

A nosa compañeira Sabela Girón, titorizada pola Doctora en Arquitectura Amparo Casares Gallego e o apoio do grupo de Cooperación Internacional de Arquitectura Sen Fronteiras, ven de presentar con éxito o seu Traballo Fin de Grao dos estudos de arquitectura que realiza: Estudo de sistemas de saneamento básico para escolas rurais na costa sur de Guatemala.

Sistemas Saneamento BásicoAutora: Sabela Girón Gesteira
Ano: 2017
Idioma: Galego
Licenza: Creative Commons Atribución – Non Comercial – Compartir Igual (by-nc-sa)

Descarga: PDF (45,2 Mb)

Sinopse: Este traballo oriéntase á indagación en materia de saneamento no caso concreto das comunidades rurais da costa sur de Guatemala, dentro do municipio de Champerico. Servindo como proba da importancia que terá a existencia dun saneamento apropiado, seguro e saudable, centrase na aplicación directa nos centros educativos desta rexión, por conformaren os nenos e nenas en idade escolar un sector da poboación especialmente afectado polas consecuencias de saneamentos e prácticas hixiénicas inadecuadas.

Considerando os aspectos desenvolvidos dende o traballo de Arquitectura Sen Fronteiras, que engloban sustentabilidade, respecto cara á cultura e costumes locais, perspectiva de xénero, uso de materiais locais e tecnoloxías apropiadas, respecto aos dereitos humanos e ao medio ambiente, este traballo desenvolve unha serie de criterios orientados a conseguir un deseño de sanitario axeitado para este contexto. Estes criterios serán a base sobre a que se desenvolve a investigación dos diferentes sistemas de sanitarios existentes, servindo coma condicionantes á hora de guiar o estudo dende a perspectiva de tecnoloxías apropiadas e pertinencia cultural descritas.

A importancia dunha infraestrutura axeitada verase condicionada pola importancia dun uso e mantemento adecuado da mesma por parte dos usuarios. Esta transversalidade será a clave para acadar o obxectivo do estudo, que en todo momento terá presente que a súa viabilidade non será posible sen ter en conta o contexto local.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.