Seguindo coas actividades complementarias do Plan Proxecta Dereito ao Hábitat que iniciamos en marzo, contámosvos que o pasado día 6 de abril fomos visitar o IES Agra de Raíces en Cee.
Durante unha mañá, tres voluntarias do grupo de Educación para o Desenvolvemento de ASF, acompañaron a setenta alumnos e alumnas de 1º da ESO na súa reflexión sobre o seu hábitat mais próximo. Despois de explicar a nosa Unidade Didáctica, traballáronse diferentes temas a través dunha selección de imaxes tomadas en diferentes puntos da Costa da Morte. En grupos de cinco, os nenos e nenas analizaron elementos característicos da arquitectura popular, a paisaxe natural e construída, os ¿límites? entre entorno urbano e rural, o patrimonio, e as relacións entre as persoas que habitan os espazos. Plasmaron as súas conclusións en murais que logo expuxeron ao resto da aula.
Agradecemos ao centro a súa invitación para compartir con nós a labor que están desenvolvendo sobre o Dereito ao Hábitat este curso. Podedes seguir as súas andanzas no seu blogue.
Ata pronto!
Deixa unha resposta