Arrincamos en setembro dous novos proxectos de Educación

ASF Galicia presentou dous proxectos á convocatoria de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global da DXREUE da Xunta de Galicia. Ambos foron aprobados e iniciaron a súa execución en setembro.

AGRA: Un barrio de coidados Fase 1

Proxecto liderado por ASF e realizado en consorcio coa Universidade da Coruña, concretamente con alumnado e docentes do Máster de Política Social e Intervención Sociocomunitaria. No proxecto participarán actores educativos e sociais clave do barrio do Agra do Orzán da Coruña: IES Agra I, o CEIP Raquel Camacho, a Asociación Veciñal Agra do Orzán e outras entidades sociais e culturais.

O proxecto promove a formación, a investigación e a acción para a defensa do dereito a un hábitat digno e coidador, e toma como contexto de traballo este barrio coruñés. O proxecto propón a formación de todos os actores implicados nunha visión do Dereito ao Hábitat desde o enfoque ecofeminista e de coidados. Tras a formación, todos os actores traballarán e investigarán a través da metodoloxía situada da cartografía social. Desde unha mirada interseccional construiremos novas narrativas sobre un barrio estigmatizado, poñendo en valor aspectos que achegan aos coidados das persoas, a convivencia e a contorna. O proxecto pretende tamén construír pensamento crítico e identificar as vulneracións de dereitos no acceso a un hábitat digno, así como facilitar espazos e ferramentas para a incidencia colectiva e a transformación social. O proxecto desenvolverá máis de 14 actividades para conseguir os resultados que buscamos. Temos un ano por diante para o desenvolvemento desta fase 1.

Tecnoloxías para o ben común Fase 2

Proxecto liderado por Enxeñería sen Fronteiras que se alía en consorcio coa Universidade da Coruña (Grupo de Investigación Artigo9Tech) e con Arquitectura Sen Fronteiras para seguir avanzando na investigación, promoción e sensibilización dunha tecnoloxía para o ben común nas universidades galegas.

Desde ASF contribuiremos traballando na ETSAC da Universidade da Coruña realizando unha liña de base sobre a abordaxe do tratamento sobre a tecnoloxía na escola de Arquitectura. Realizaremos a segunda edición de curso en liña "Tecnoloxías apropiadas" e seguiremos avanzando no desenvolvemento da APP Mapeo colaborativo.

Informaremos ao longo da súa execución das actividades máis relevantes e dos seus resultados.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.