Xa nos imos chegando ao final…

Xa nos imos achegando ao final… Nesta última semana temos un proxecto entre mans, a maqueta das vivendas que se construirán nos próximos meses. Tras moitas procuras pola cidade para atopar o material necesario, poñémonos con el para tela terminada antes da nosa partida.

Mentres tanto, desde a visita ao Manchón da semana pasada, un plan rolda nas nosas mentes: acampada na praia con todo o equipo! Dunha forma un tanto improvisada e de forma que cadre con todas as nosas axendas queda decidido, acampada no Manchón esa mesma noite! Rapidamente poñémonos no plan, terminamos o traballo que temos entre mans e a organizar: un bote común, uns compran tortilla de patacas, outros tortillas de millo, froitas, velas, flores... Recollemos as tendas de campaña que utilizaramos a fin de semana anterior e todo listo! Bueno, menos pola tormenta que acaba de empezar…

O plan saíu de marabilla, un intento de baño á tardiña (o océano Pacífico non é tan pacífico), carreiras na praia sen ver máis luz que a dos raios que aínda caían coa tormenta que se desprazou mar dentro, e incluso algo de bioluminiscencia! ao correr sobre a area mollada víanse os pequenos puntiños de luz. Impresionante…

Continuamos cunha cerimonia maia de agradecemento e sorte para os próximos proxectos. Un círculo, flores, cores, e a voz impoñente de Juventina levando a cabo a cerimonia en lingua mam. Xa antes de saír o sol, a xente empezou a erguerse e bañarse no río e rapidamente volvemos a Reu porque a primeirísima hora tiñamos reunións. 

 

A fin de semana é a segunda volta das eleccións no país, tras unha longa xornada, o partido de "Movimiento Semilla" gaña e a xente celébrao polas rúas da cidade. Dende o piso escoitábamos barullo: música, pitidos, petardos...

Finalmente, na viaxe á capital para partir fixemos unha paradiña exprés en San Lucas onde os nosos camiños, de María e Cecilia, volvíanse a separar.

 

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.